SE CANCELAMOS O SECTOR CULTURAL, CANCELAMOS O MUNDO

Achegar a cultura á cidadanía, fomentar a crítica, ampliar o que se entendía por Cultura e apoiar a creación local foron os catro piares baixo os que se sustentou o traballo da Concellería de Cultura durante os catro anos nos que a PAC, a través da nosa concelleira Lara Rodríguez Peña, formou parte do Goberno. Co menor dos orzamentos e atravesando numerosas dificultades, levouse a cabo un proxecto nunca visto en Lalín, un proxecto no que o sector cultural lalinense ocupou un lugar primordial, así como toda a cidadanía de Lalín, pois na programación en todo momento pretendeuse levar a cabo iniciativas variadas e de calidade. Concertos, teatro, actividades de dinamización nas rúas orientadas ao público familiar, fomento da lectura, posta en valor da nosa cultura a través de, por exemplo, iniciativas levadas a cabo xunto coa Concellería de Comercio, como a elaboración das bolsas co deseño da partitura de Benxa Otero ou o poema de Celso Fernández Sanmartín… En definitiva, foron catro anos nos que non só puidemos gozar dunha gran diversidade de propostas senón que, ademais, vimos nacer outras novas, como o festival Lusco&Fusco, o Serán das Letras, o club de lectura feminista, as campañas de dinamización da lectura en colaboración co IES Laxeiro, o Circo na Rúa, o proxecto “A ollo ceibe” xunto coa Concellería de Comercio, os Enredos de Nadal…

Dende a Plataforma Aberta Cidadá cremos que a cultura é a pedra angular de calquera
vila
, a cultura diferéncianos, transcende á actualidade e será quen conte por nós o que somos e quixemos ser. É por isto que nos sumamos á iniciativa posta en marcha polo sector cultural galego baixo o lema #NonNosCanceles. Debémoslle moito á creación cultural e non a podemos deixar soa. Por todo isto, pedimos ao Concello que non cancele as actividades previstas e tamén o apoio socioeconómico para o sector cultural: creadores e creadoras, técnicos e técnicas, montadores/as, seguridade, produtores/as… Propoñemos, mentres as axudas do Goberno do Estado non se materializan, garantir unha liña de crédito para apoiar actividades culturais en Lalín, protexendo así este sector fronte á crise e tamén o financiando actividades online que substitúan as presenciais durante o tempo que duren as medidas de distanciamento social.

A pesar de que o Goberno local actual, en todos os seus anos de xestión, só valorou a
cultura en relación ao rédito político que puideran conseguir a través dela, cremos que este é un momento decisivo que debe transcender o populismo electoralista. Consideramos que é tempo de poñer o Concello ao servizo da xente e a Cultura é unha peza ineludible do noso futuro como vila.

Comparte este artigo

Share on facebook
Share on twitter
Share on google
Share on whatsapp
Share on telegram