O alicerce no que se asenta a nosa condición ideolóxica é a busca do benestar da poboación tendo en conta tres eixos básicos ou temas centrais:
A Plataforma Aberta Cidadá é unha agrupación política municipalista, centrada na mellora das condicións dos veciños e veciñas de Lalín, absolutamente autónoma e autoxestionada, e independente. Iso non é óbice para que manteñamos alianzas a nivel galego ou estatal con outras organizacións, partidos e plataformas que consideremos afíns aos nosos principios e xeito de actuar. Calquera alianza ou colaboración deberá ser aprobada en asemblea. Estes son os principios políticos da PAC:
Feminismo, participación cidadá e sustentabilidade. Estes tres eixos servirán para facer visibles tres carencias vehementes na actualidade: un sistema machista que oprime a muller, unha falta evidente de canles de participación da cidadanía na toma de decisións e na reclamación de dereitos e unha degradación do medio no que vivimos debido á excesiva explotación do mesmo.
A primeira idea na que debemos pensar cando lemos este bloque é que o planeta é finito e a economía considera que o crecemento é infinito. Partindo desta contradición sistémica, baseamos o noso proxecto na conciliación dun sistema que manteña o benestar das persoas, pero que teña en conta a necesidade de protexer e conservar os ecosistemas.
Entendemos que o primeiro paso para conservar o noso patrimonio natural é a concienciación e esta só pode vir a través do coñecemento. O medo leva á ira, a ira leva ao odio, e o odio leva ao lado escuro.
Falamos de conservación da biodiversidade, da protección do bosque autóctono, da loita contra as invasoras e contra os incendios.
Falamos de manter e recuperar as actividades agrogandeiras adaptadas ao territorio e máis respectuosas co medio.
Defendemos a calidade do noso medio: auga limpa, redución de residuos, produción de enerxía de baixa pegada de carbono.
A responsabilidade de deixar un planeta para as xeracións vindeiras é nosa.
Mobilicémonos!
O primeiro paso na protección do noso medio é a concienciación. Por isto cremos que é necesario coñecer o estado de saúde do noso medio ambiente e a situación de emerxencia climática na que nos atopamos. Por todo isto, propoñemos:
Implicarémonos na conservación do patrimonio natural e da biodiversidade nos espazos que sexan de titularidade pública. Tamén actuaremos, neste senso, mediante a adquisición ou cesión de terreos ou ben mediante acordos coas persoas propietarias dos terreos para asegurar a calidade dos ecosistemas.
Protección da Fraga de Casas Vellas mediante a creación dun Espazo Natural de Interese Local (ENIL) e a ampliación do actual monumento natural Fraga de Catasós.
A auga é o noso ben máis prezado, motivo polo cal desenvolveremos un plan dirixido á mellora da calidade na xestión, á optimización do recurso e á redución / eliminación da contaminación desta.
Outros dos puntos claves na xestión municipal é a recollida e tratamento de residuos. Estamos en contra do modelo de Sogama. Dito isto, é necesario ter en conta a necesidade do procesamento local dos residuos que xeramos.
Calquera tipo de enerxía ten un custo. O primeiro paso para minguar a nosa pegada ecolóxica é a redución do consumo enerxético. Ademais, é importante que a enerxía producida se xere mediante fontes renovables, optando polas de menor impacto ambiental.
A día de hoxe o neoliberalismo impúxonos un sistema de competitividade baseado na precarización e devaluación do benestar das persoas traballadoras. Competimos entre individuos no canto de cooperar como grupo. Por este motivo, defendemos a recuperación da comunidade como garante do coidado entre as persoas fronte ao individualismo imperante.
Situámonos a favor da educación e da sanidade públicas e de calidade, piares imprescindibles para conseguir unha sociedade igualitaria.
Estamos a favor da tolerancia e da diversidade. Defendemos unha sociedade feminista e estamos en contra de actitudes e prácticas racistas, xenófobas e homófobas.
A poboación de Lalín vive dispersa nun territorio amplo. Por isto, é necesario ampliar as posibilidades de transporte para todas aquelas persoas que viven no rural ou que teñen problemas de mobilidade.
Queremos recuperar a comunidade fronte ao individualismo. Non cremos no parcelamento por idades ou grupos sociais, entendemos a comunidade como algo unido e diverso.
Lalín é un Concello de marcado carácter rural, aínda que máis da metade da poboación vive no ámbito urbano.
Nos últimos anos, asistimos a un proceso de éxodo rural, deixando as nosas parroquias deshabitadas e o noso territorio descoidado. Cada vez menos mans fan máis traballo grazas a un modelo de costas ao territorio dependente da importación de materias primas e da industria biosanitaria, algo insostible a longo prazo.
Loitamos polo retorno ao rural con posibilidades de levar a cabo unha actividade que garanta soldos dignos, que se acompañe da xestión sostible do territorio e no que haxa servizos básicos de calidade (saneamento, internet,…).
É necesario completar certas infraestruturas, como a rede separativa de augas pluviais e fecais, que son primordiais para reducir o noso impacto no medio e garantir unha xestión eficiente dos recursos públicos.
Lalín conta cun parque de vivenda moi superior á demanda actual, polo que non cremos na necesidade de grandes proxectos urbanísticos. Defendemos un modelo que se afaste da especulación inmobiliaria. Defendemos a vivenda pública para aquelas persoas con baixos recursos, xoves, persoas maiores, violencia de xénero, etc.
Queremos un modelo de vila pensada por e para as persoas: accesibilidade, mobilidade sostible, peonalizacións, espazos comunitarios, etc.
Defendemos un urbanismo que coloque as persoas primeiro. Por isto, promoveremos estas medidas:
Entendemos a cultura como instrumento de transformación social. Para iso, aplicaremos políticas culturais concretas baseadas na participación activa da cidadanía, na primacía da cultura sobre o espectáculo, na pedagoxía crítica e na diversidade de opcións culturais.
Defendemos a cultura de base. As institucións deberían non só ser produtoras ou programadoras senón tamén facilitadoras, dando medios ao ecosistema cultural para que a cultura como servizo público sexa sostible.
Cremos que o deporte é un dos piares fundamentais para manter un estilo de vida saudable. Ademais, defendemos un deporte inclusivo no que toda a sociedade teña as mesmas oportunidades de participación; tamén consideramos fundamental o apoio ao deporte base para adquirir dende a infancia hábitos de vida saudables.
Consideramos o turismo non como un caixón estanco senón como un ámbito de actuación que englobe todas aquelas actividades, iniciativas e recursos dos que dispón o noso Concello. Medio ambiente, urbanismo, cultura, deporte e saúde, gastronomía, comercio, hostalería… Son varios dos eidos que se poden potenciar para facer do noso Concello un lugar atractivo e interesante a nivel turístico.
A participación e a transparencia deben ser os dous eixos sobre os que se vertebre a xestión municipal. A cidadanía ten que ter coñecemento e información sobre os recursos económicos do Concello e o uso que se fai deles; ademais, é necesario e obrigado que dende as institucións se faga partícipe a veciñanza na toma de decisións.
Defendemos a remunicipalización dos servizos públicos, pois consideramos que a xestión directa é a opción máis eficiente, sostible, responsable e económica. Supón un aforro para as arcas municipais, un beneficio para os traballadores e traballadoras e mellora a calidade do servizo.
Consideramos necesaria a remodelación da Relación de Postos de Traballo, non só para regularizar a situación de moitos/as traballadores/as senón para conseguir que os diferentes departamentos do Concello conte con persoal suficiente e cualificado para así mellorar a calidade do servizo.
Cremos imprescindible potenciar o tecido asociativo e aportar as ferramentas necesarias para o seu desenvolvemento.
Para nós, os datos son unha infraestrutura pública máis, como a auga, a electricidade ou o transporte. Ademais, os datos son a materia prima da economía dixital e debemos xestionalos con responsabilidade atendendo tamén ao dereito de privacidade das persoas. Unha xestión eficiente require de información de calidade.
© 2019 PLATAFORMA ABERTA CIDADÁ