DOCUMENTO POLÍTICO

A Agrupación de Electores/as Plataforma Aberta Cidadá de Lalín naceu en 2015 para concorrer ás eleccións coa esperanza de abrir para Lalín unha nova etapa. Froito da ilusión e dun gran traballo colectivo, baixo o lema #dálleunhavolta, expuxemos á cidadanía un programa alternativo de goberno.

Despois de 3 anos, consideramos que se produciu un avance democrático e de representatividade considerable. Mais tamén debemos ser autocríticos/as e indicar que para conseguir o noso obxectivo fai falla tempo e queda moito por facer. Polo tanto, decidimos presentarnos, de novo, aos comicios municipais de 2019 cunha serie de reclamacións que cremos relevantes nos tempos que vivimos.

Queremos deixar claro que as nosas reivindicacións tratan de responder a un momento de crise global económica, ecolóxica e social, onde os contrastes nacidos do sistema actual enfróntannos a nós mesmos/as e colócannos nunha posición de acción ou claudicación.

O alicerce no que se asenta a nosa condición ideolóxica é a busca do benestar da poboación tendo en conta tres eixos básicos ou temas troncais:

  • Feminismo
  • Participación cidadá
  • Sustentabilidade.

PAC é unha agrupación política municipalista, centrada na mellora das condicións dos veciños e veciñas de Lalín, absolutamente autónoma e autoxestionada, e independente. Iso non é obice para que manteñamos alianzas a nivel galego ou estatal con outras organizacións, partidos e plataformas que consideremos afíns aos nosos principios e xeitode actuar. Calquera alianza ou colaboración deberá ser aprobada en asemblea.

Estes son os principios políticos de PAC:

  • Somos unha organización asemblearia, e todas as decisións políticas deberán ser ratificadas en asemblea.
  • Defendemos a implantación de todas as canles para incentivar e facer efectiva a participación de todos os veciños e veciñas na vida municipal.
  • Asumimos e apoiamos o movemento feminista, e pensamos que é o momento de levar as súas reivindicacións á práctica.
  • Defendemos o noso medio como única posibilidade de conseguir unha vida mellor para todas.
  • Loitamos polas políticas sociais que sirvan para diminuír a desigualdade.
  • Cremos na capacidade das administracións públicas de proporcionar unha xestión máis
    eficaz e económica dos servizos públicos que redundará nun maior benestar social.
  • Defendemos a separación entre a igrexa e o poder político e propoñeremos a aconfesionalidade total do noso Concello.
  • Avogamos pola República como forma de Goberno.

Feminismo, participación cidadá e sustentabilidade, estes tres eixos servirán para facer visibles tres carencias vehementes na actualidade: un sistema machista que oprime a muller, unha falta evidente de canles de participación da cidadanía na toma de decisións e na reclamación de dereitos e unha degradación do medio no que vivimos debido á excesiva explotación do mesmo.

Por último, este proceso político prentende ser un escaparate de todas as reclamacións populares que hai na vila da Lalín e un nexo de unión de todas elas, co fin de establecer relacións e crear sinerxías que leven á mellora da nosa sociedade.