POLÍTICA SOCIAL PARA NON DEIXAR A NINGUÉN ATRÁS

Hoxe, cando se cumpren tres semanas do comezo do estado de alarma, dende a Plataforma Aberta Cidadá queremos reflexionar arredor do tipo de políticas que serían necesarias para, dende as administracións públicas e máis concretamente dende o Concello de Lalín, facer fronte á crise socioeconómica que está por vir.


Ante nós albíscanse dous modelos posibles: o neoliberal e o social. O primeiro pon no centro a economía, asenta na eficiencia e na competitividade descarnadas o sino da humanidade e do benestar. O segundo intervén, con vontade, no mercado, regúlao e ofrece un sistema de protección social á cidadanía para poder vivir de xeito decente. Nós apostamos, sempre, polo segundo.

Nos tempos que virán necesitamos un Concello forte, que asuma máis
responsabilidades na xestión e deixe de lado por un tempo asuntos máis triviais. Son
tempos de centrarse no esencial e deixar de lado as disputas. Necesitamos recuperar o principio de redistribución da riqueza e o de xustiza social, que aseguren unha saída digna da crise sen perder dereitos nin garantías sociais. Toda axuda vai ser pouca para que a clase traballadora, que sustenta a actividade económica, e as pequenas empresas, esenciais para a nosa economía, resistan este período no que, ademais en moitos casos esas persoas non presentan ingresos.

É importante destacar que este parón non vai afectar por igual a todos os sectores.
Non toda a cidadanía ten a mesma capacidade para afrontar estes momentos de
dificultade
. Solucións de trazo groso, como as rebaixas xerais de taxas e impostos, non farían máis que minguar a capacidade do Concello para actuar. Así pois, Goberno e
oposición, deixen de competir en populismo fiscal, e estuden ben as medidas a empregar. Cada céntimo que se perde de recadar, será un céntimo menos co que actuar no que quizais sexa o período máis complicado da historia recente.


Por todo isto, ao abeiro da potestade que lle outorga o Real Decreto-ley 8/2020 aos
gobernos municipais, propoñemos catro medidas para situar o noso Concello ao servizo da xente do común:

1º Renda social municipal

Para protexer a todas aquelas persoas que se verán arrastradas pola precariedade laboral e económica como consecuencia da situación actual, así como aquelas que, estando no limiar, vaian a peor.

2º Remunicipalización do SAF

O SAF (Servizo de Axuda no Fogar) é a competencia da que parte a rede de coidados que o ente público ofrece. Para evitar a precariedade de servizos e para mellorar e ampliar a cobertura do mesmo propoñemos que este pase a ser municipal.

3º Ampliar o orzamento de servizos sociais

Sabemos que non é sinxelo dimensionar este servizo en función das persoas que o necesitan, mais pedimos esforzo para levalo a cabo.

4º Transparencia na xestión

Para evitar especulación sobre o gasto do orzamento público pedimos que as contas sexan públicas e que os procedementos se fagan polas canles que maior transparencia garantan.

En definitiva, catro medidas moi concretas, todas encamiñadas a non deixar ninguén
atrás
, todas elas pensadas coa única intención de anticiparse aos peores escenarios
futuros. Así é como se debería de gobernar: con planificación, anticipación e sempre tendo en conta o ben común.


Podemos saír desta crise como o fixemos da crise financeira de 2008: con recortes,
privatizacións e concentración da riqueza no 1% da poboación, ou ben podemos saír
repartindo e protexendo as persoas máis vulnerables. Por isto, tamén pedimos á sociedade civil de Lalín, a todas as persoas mobilizadas e organizadas que colaboren nesta petición de poñer o Concello ao servizo da xente.

Comparte este artigo

Share on facebook
Share on twitter
Share on google
Share on whatsapp
Share on telegram