PEDICABO EGO VOS ET IRRUMABO

[Un texto en diálogo e pensamento constante cos dous primeiros; un acto comunicativo –ás veces– en estado de sarcasmo].

Reproduzo de maneira constante o espírito da escaleira. De feito, minutos antes de escribir isto atopábame diante do meu reflexo, un reflexo dobre debido a que vivo nun espazo provisto dun sistema que parapeta o frío, dando un discurso contra o desleixo. Pero isto agora non importa. Mirade, vivimos nun permanente estado de cousas, (si, había unha canción que empregaba estas tres palabras), e este, en moitas ocasións, provoca que exerza un determinado rol unha e outra vez. Sabedes do que estou a falar? Probablemente non porque son moi aséptica, son unha persoa seria, seca, que non ri, unha especie de pantasma, alguén que non agrada, que non actúa como se lles quixera facer felacións a todas esas pollas. Son un produto, un acto, a que fai doces os domingos, a que se cuestiona, son unha vasoira, un recipiente de seme. Dicía entre corchetes que este é un texto que está en diálogo e pensamento con outros textos desta sección, e si, claro que o está, pois iso que chamamos masculinidade tóxica, e tamén a escaseza de referentes ou de conciencia feminista, son as totais provocadoras da existencia dese estado de cousas.

Edúcannos dende a firme idea de que temos que pechar as pernas. De que non podemos subir e baixar rozándonos no medio coa pata da mesa, de que somos seres sensibles e luminosos, especialistas en dar afecto e en comprendelo; constrúennos, en definitiva, como alguén que sente, que coida e que non desexa. Porén, cando chega o poder, modificándonos outra vez, vémonos na obriga de coñecer a Narciso; este guíanos no camiño, instrúenos no egocentrismo, pero con mesura. No momento no que chegamos ás esferas de poder, debemos adoptar o rol violento, pero cun sorriso. É dicir, descubrimos que toda esa educación que recibimos non é máis ca un cúmulo de despropósitos que non serven para poder desenvolvernos como persoas individuais e poderosas, para poder conseguir o que se ditamina dende arriba.

E agora, que?

En realidade o que ocorre é que estamos rodeadas de gilipollas. Gilipollas que se teñen demasiado en consideración como para que se lles pase pola cabeza pensar que a súa comunicación e forma de actuar non son eficaces. É unha completa desidia ter que escoitarvos [isto vai para todo aquel que se sinta aludido; se é así, introdúcete aquí]. Sobre nós reproducides papeis de macho heterosexual oligofrénico pero con talento e sensibilidade para a arte, pero non deixades de ser imbéciles. Soportamos maneiras indignas, a negación dos afectos, dos sentimentos, a desesperación verbal de alguén sen desenvolver, os vosos escrotos sobre as nosas mesas de traballo. A escasa educación afectiva unida a unha educación narcisista lévavos a ser produtos insoportables, animais bípedes que soamente vomitades escusas, agochádesvos en traumas, manifestades tristeza ás veces e publicades nas redes.

Os egos demasiado desenvolvidos non hai quen os aguante. Pero fixádevos que incluso neste aspecto temos en contra a linguaxe. A linguaxe pon á nosa disposición exercer un pouco esa tendencia a mirar todo dende o eu e incluso a chegar a burlarnos do colectivo. Refírome á deíxe textual. Si, síntoo, pero dende hai unhas semanas a miña única compañía é a Lingüística. Pois ben, a deíxe textual caracterízase por marcar o individualismo, é unha especie de reflexo do mundo. Esta primeiro localiza, porque ten unha necesidade ineludible de facelo, e logo, unha vez realizada esta empresa, quen emite a mensaxe debe proporcionar os datos e información precisos. Para que? Para marcar un elemento, un elemento anterior. A deíxe está ao servizo da persoa que fala. Está pois, ao servizo de [introduce aquí o segundo elemento da analoxía].

Comparte este artigo

Share on facebook
Share on twitter
Share on google
Share on whatsapp
Share on telegram