XENOFOBIA MORFOLÓXICA

-O prefixo “homo-“ significa “igual” e úsase para crear novas palabras. Algún exemplo? –dixo a profesora.

-Homoxéneo, homosexual… -dixo un.

-Homofobia -dixo outro.

-Homo… que? Que é homofobia? –pregunta un alumno con ollos de sorpresa.

-Pois é o rexeitamento cara ás persoas homosexuais, parellas do mesmo sexo.

-Pufff, vaia bobada! Quen pode odiar iso?

-Xa, fomos avanzando e resulta algo estraño que alguén pense así, pero segue habendo xente que rexeita algo tan común como que dúas persoas do mesmo sexo se gusten ou se queiran. Hai moitos tipos de odio ou rexeitamento na sociedade. Como os que odian as persoas estranxeiras, por exemplo.

Normal…-di unha alumna.  

-Ben, sigamos cos prefixos. O seguinte é “hemi-“.

Non é ficción, é algo que sucedeu hai xa unhas semanas. Anos atrás, pensaba que estaba aprendendo moitísimas cousas novas sobre a vida. Ata que cheguei a unha aula e tiven a oportunidade de compartir espazo con 20 alumnos e alumnas, (si, algo bo que tivo a Covid é que conseguiu que se reduciran as ratios por clase) cada un/ha coa súa personalidade, valores e ideas. Cada 50 minutos asisto a unha lección de vida.

Como dicía, hai semanas produciuse a situación que describín ao comezo. A miña decisión foi calar, non entrar en debate. E por que? Sinceramente, porque non sabería nin por onde empezar. O suxeito que se manifestou dese xeito está tan lonxe da miña concepción do ser humano e da vida que directamente non souben que responderlle. Saín da aula e, coma sempre, desafoguei con alguén afín ás miñas ideas. Recoñezo que é unha postura fácil e cómoda a de compartir o que me sucedeu con alguén que te coñece e que pensa coma ti, escoita as túas paranoias mentais e asente coa cabeza ao mesmo tempo que reproduce sons de sorpresa ao compás da miña indignación.

Pasan os días e o mércores, mentres xanto, vexo unhas imaxes tan duras que me fan cambiar de canle: persoal humanitario intenta reanimar unha nena que chega ás costas canarias nunha balsa. Sóavos a historia? Nesa fuxida a outro contido, penso no afortunada que son. Nacín en Lalín e teño un espazo estable no que moverme e que me levou a ser o que son. Tiven sorte, si. Tamén influíu o traballo, a constancia e o esforzo. Pero podería ser diferente, podería ter nacido noutro lugar con peores condicións.

Demagoxia? Pois vale, pois ok. Non creo que o sexa, só fago ver que o destino decidiu que eu poida estar sentada escribindo isto e non intentando saír dun pozo profundo. Veña, ho, que de algo tivo que servir esta terrorífica pandemia. Seguramente moitos perderon estabilidade, diñeiro, traballo. Sen contalo, de súpeto. E o máis probable é que se fagan a pregunta: por que a min? Exactamente a mesma cuestión que se formulará toda esa xente que foxe do horror.

Despois da noticia, sufrín o que se coñece como “espírito da escaleira”, que consiste no achado dunha resposta enxeñosa cando xa é demasiado tarde. Podería parar a explicación e amosar múltiples noticias de rapaces que chegan ás illas ou á península en pésimas condicións. Ai, pero que terrible! Como vou ser tan dura cos meus queridos estudantes? Pois, que queredes que vos diga? Máis duro me parece verbalizar como “normal” o odio ao ser humano.

E de onde sairá todo ese discurso de odio e medio ao diferente? Reflexionen, porque eu xa hai moito tempo que o teño claro. Agora, hoxe en día, só me limito a comprobalo.

Comparte este artigo

Share on facebook
Share on twitter
Share on google
Share on whatsapp
Share on telegram