VONTADE E TRABALLO, UNHA ESIXENCIA PARA O GOBERNO MUNICIPAL.

É un feito deplorable que, nun momento no que se debería estar traballando a case a totalidade da capacidade, esteamos asistindo a un espectáculo de inacción. A nosa descrición da situación é moi sinxela: temos antes nós un Goberno paralizado, incapaz de aportar solucións aos problemas ou de levar a cabo propostas concretas máis alá do reparto de máscaras ou a desinfección das rúas. Dende o primeiro día dixemos que apoiariamos todas as medidas destinadas a paliar a situación de crise actual, tanto sanitarias como socioeconómicas, pero o que non imos tolerar é que non se estea a facer máis que o traballo regular da administración local, minorado polas continxencias evidentes.

Así, dende a Plataforma Aberta Cidadá queremos incidir en estamos cansas de ler como o executivo local descarga as súas responsabilidades no Goberno central, tachando de nefasta a súa xestión, cando dende o Goberno lalinense non se aplicou ningún plan de axuda á cidadanía, e máis sabendo que se dispón do 20% do superávit dende o 1 de abril. Tamén estamos fartas da falta de transparencia deste Goberno, que xoga ao despiste e non se contempla a si mesmo, pois a opacidade á que nos somete é tal que nin sabemos de canto superávit dispoñemos. Outra posible vía de acción sería facer coma no Concello de Silleda, onde se creou un plan de axudas directas a microempresas, autónomos e pymes a través de subvencións, dotado con 302.000 euros, procedentes de parte do remanente de tesourería para gastos xerais, que excede do superávit do ano 2019, quedando en previsión outros 200.000 euros reservados para tal fin, se a situación actual se alongase.

Tamén queremos recordar que hai xa 20 días puxemos enriba da mesa catro propostas sinxelas, para axudar ás persoas máis desfavorecidas pola actual crise sanitaria e socioeconómica:

  1. Renda social municipal.
  2. Remunicipalización do SAF.
  3. Ampliación do orzamento de servizos sociais.
  4. Transparencia na xestión.

Por último, o noso desexo é frear esta desinformación e propaganda para fuxir do importante: a incapacidade de facer fronte a esta situación dende a calma e as propostas.

Icons made by Pixel perfect from www.flaticon.com

Comparte este artigo

Share on facebook
Share on twitter
Share on google
Share on whatsapp
Share on telegram