Xente sen casa e casas sen xente, unha realidade inexistente para o Goberno local e o Partido Popular

Ante a escandalosa actuación do Goberno local en materia de vivenda, dende a Plataforma Aberta Cidadá queremos indicar que, en primeiro lugar, Lalín é o Concello de máis de 20.000 habitantes con maior número de vivendas de Galicia; no ano 2011, último ano do que existen datos grazas ao escurantismo deste país, o noso municipio contaba con 3.307 vivendas baleiras, o 28 % do total de vivendas.

Gráfico da porcentaxe de vivenda baleira dos concellos de Galicia con máis de 20.000 habitantes.

Segundo, sabemos que en outubro de 2019 o número de persoas inscritas no rexistro de demandantes de vivenda era 14.286 en todo o país. Esta cifra é de supoñer que se ampliou dadas as circunstancias da actual crise e das necesidades e dificultades que están a sufrir moitas familias.

En terceiro lugar, as administracións públicas, entre elas a local, deben estar para axudar a cidadanía; unha das necesidades actuais é a vivenda pública, polo que deberían tomar medidas para paliar esta situación. Son varias as actuacións que podería levar a cabo o Goberno local que, ademais, conta cunha oficina municipal de vivenda que semella desaparecida.

Algunhas das medidas que se poden levar a cabo dende o Concello e que nós, dende a PAC, propoñemos son:

  • Continuar co programa de rehabilitación de inmobles públicos, iniciado no anterior Goberno, para convertelos en vivenda social.
  • Poñer en marcha un programa de alugueiro social.
  • Chegar a acordos coas entidades bancarias propietarias de pisos baleiros para destinalos a fins sociais, podendo chegar a impoñer multas para a súa mobilización a través da boa sintonía que semella manter este goberno co actual da Xunta.

No canto de facer algo do antes citado, o Concello de Lalín segue na súa fuxida cara adiante, procurando non intervir e buscando facer o menos posible para evitar futuras críticas. E non só iso: no próximo Pleno o PP presentará unha moción, enviada polo seu partido a nivel estatal, para instar o Goberno a elaborar unha lei en torno á ocupación de vivendas. Seguindo nesta liña, días atrás un concelleiro do Goberno municipal asistía a un seminario, impartido polo seu partido, chamado OKUPACIÓN: un problema real. Neste seminario representantes do PP, de dubidosa formación no tema inmobiliario e de vivenda, seguían a repetir a consigna dogmática (apoiada máis na fe ca nos estudos en materia de vivenda) de que a ocupación é un problema e debe ser atallada. Ese é o nivel do noso Goberno, quen unicamente busca aumentar o seu argumentario ideolóxico para a súa posta en escena no canto de buscar propostas para solucionar un problema que afecta a cidadanía que en teoría representa.

En definitiva, o Goberno lalinense volve amosar o seu desleixo en aportar solucións aos problemas sociais do noso Concello, algo que non nos sorprende tendo en conta, por un lado, o pouco ou nada que leva facendo dende que asumiu o papel de executor do poder e, por outro, a mala xestión que demostrou e demostra nestes momentos convulsos. José Crespo e o seu equipo continúa amosando o que durante estes catro anos intentou ocultar: volveron para continuar o camiño da inutilidade política, o carreiro da dereita, ao longo do cal só sementan enriquecemento persoal e carencias sociais. Dende a PAC deixámoslle tres ideas, tres propostas que outros Concellos e outras comunidades autónomas están a poñer en práctica, cando menos léanas e poñan en marcha algunha porque a cidadanía de Lalín precisa axuda.

Comparte este artigo

Share on facebook
Share on twitter
Share on google
Share on whatsapp
Share on telegram