VISTA PARCIAL DE TRANSILVANIA

Os datos sobre o tempo de uso do meu dispositivo móbil que este me recorda cada día son demoledores. Sobra dicir que a maior parte das horas dedicadas a mirar a súa pantalla destínoas á pasividade que me proporciona ler e ver vidas alleas, receitas de cociña, novas nesgadas ou… discusións entre persoas.

Unha muller, alterada, illada, impetuosa, denuncia, dun xeito histriónico, as manifestacións machistas dun home, alguén ben situado, con capital intelectual e social ás costas, de esquerdas.

Nun primeiro momento sinto desconcerto, prodúcese en min certa tendencia á equidistancia. Non sei que pensar, non sei que dicir. A decisión final: situarse fóra da acción, exculpar o home, porque é alguén que coñezo, un amigo, un compañeiro, un camarada. Exculpo o home e criminalizo un pouco a muller. Vaia formas! Hai que ser máis sensata cando se opta por amosar unha opinión cando algún comentario non é do teu agrado.

A muller apela ao feminismo, busca axuda. Visibiliza o seu malestar en público. Non pode máis, xa non é quen de aturar tanto despropósito. Por que a algúns se lles permiten actitudes machistas e a outros non?

De primeiras eu non sei por que teño que tomar posición neste tema. Nin me vai nin me vén. Vese que esa muller non está ben. Ao mellor teño que axudala… ou non, axudala a que, exactamente? Teño que axudar a alguén cuxa actitude resulta do máis destrutiva e que, ademais, amosa certos problemas persoais con esa outra persoa? Vou deixar que o tempo pase e que ela se tranquilice.

A parte reaccionaria da sociedade sorrí, porque ve outro cisma, outra crispación que a esquerda non é quen de debater e asumir para poder cambiar, mellorar, medrar. A outra parte reaccionaria da sociedade non sorrí, e continúa indignada e ofendida no canto de tentar empregar un órgano que vaia máis alá do seu xenital co que elaborar un discurso de cambio e de mellora, un discurso co que aglutinar forzas e medrar.

Continúo instalado na miña actitude pasiva tras desbloquear o móbil por quincuaxésima vez no día. Porén, agora teño varias preguntas:

Pérdese a razón cando as formas non son acordes ás aceptadas como sensatas e conciliadoras?

Realmente somos quen de axudarnos e entendernos como sociedade? Temos empatía?

Cando se sinala a homes como machistas, e estes son afíns, calamos ou relativizamos a crítica?

Estamos preparadas para crear redes de apoio mutuo onde xurdan as contradicións e podelas xestionar?

Creo que, nun discurso, as formas non invalidan o contido. E ese contido, ben aproveitado, pode valer para xerar preguntas que nos leven a cambios positivos. Creo que hai un xerme para ser empáticas e empáticos pero que aínda nos falta moito; en nós acumúlanse anos de individualismo voraz e de educación sexista e patriarcal, un feito que semella facer imposible a concepción dunha sociedade na que os coidados e os afectos das persoas que nos rodean vaian por diante.

Penso que cando o machista é afín, calamos, xa non é tan importante, algún problema terá esa muller que así o define e sinala. Porén, penso tamén que non debemos crucificar a ninguén, hai graos de machismo e hai pasado. Todos fomos machistas e seguiremos sendo machistas por moito tempo, tan só temos que entender cara a onde queremos ir, como sociedade e como grupo. Eu quero aceptar as miñas contradicións e loitar por cambialas, non resistirme coa navalla entre os dentes.

Gustaríame que estas historias nos axudaran a ver o mundo con outros ollos, a ser persoas máis activas, máis concienciadas, na busca de redes de apoio que teñen como obxectivo cambiarnos a nós e cambiar o mundo. Cando camiño vou nesa dirección, pode que me entreteña, pero sei cara a onde vou.

Comparte este artigo

Share on facebook
Share on twitter
Share on google
Share on whatsapp
Share on telegram