VERTEDURAS NO PONTIÑAS

Os días 13 e 15, é dicir, os pasados mércores e venres, fotografamos o que parecen ser verteduras de augas residuais no río Pontiñas. Se ben sabiamos que eran frecuentes as verteduras das arquetas estratexicamente situadas para converter o río na rede de saneamento alternativa cando os sumidoiros non dan abasto, sorpréndenos descubrir un punto de vertedura coma este que non se pode asociar ao desborde do sistema.

A contaminación das augas é un tema recorrente que nos preocupa moito. A manida expresión somos auga semella non ter calado na nosa sociedade. A calidade da auga dos nosos ríos é pésima e é habitual que se produzan verteduras ou “descoidos” nos nosos cursos fluviais. A rede de saneamento urbana non está deseñada para a separación de augas residuais e pluviais e non hai visos de que as institucións públicas poñan énfase no problema; o sistema non é capaz de depurar todo o que recolle. Isto pódese observar claramente cando o Pontiñas se despide do paseo, e aparece uns metros abaixo da ponte de madeira un colector que verte o que supoñemos que é a auga tratada na depuradora. Sen medidas serias ou a procura de grandes investimentos para corrixir este despropósito, debemos concluír que a preocupación pola auga é nula.

Cremos que aquí hai dous temas relevantes que estudar:

  1. . O desleixo das institucións, neste caso do goberno local e da Xunta, pola contaminación da auga e a mellora do sistema de saneamento.
  2. A pouca importancia que se lle dá aos servizos públicos. Recordemos que o servizo da auga no noso Concello está privatizado e non semella que se vaia remunicipalizar.

DESLEIXO INSTITUCIONAL

Debemos facer memoria, pois no 2018 o anterior goberno levou a cabo unha “Auditoría sobre o estado actual da concesión do servizo para coñecer os punto débiles e situarse na realidade da cuestión”. Neste estudo detectáronse carencias nas zonas de captación, subministro e depuración.

En outubro do 2019, un ano e medio despois, a Xunta resolveu o contrato do servizo para elaborar o Plan Director de Saneamento do núcleo urbano de Lalín, que custou ás arcas públicas 186.909 €, e no que a adxudicataria foi a empresa Serye Ingenieros SL. A día de hoxe ese informe aínda non é público, nin sabemos se está rematado. Iso si, xa existe un fondo europeo de 3.6 millóns de € para levar a cabo as accións necesarias que o dito plan indique.

DEVALO DOS SERVIZOS PÚBLICOS

Neste clima de onda neoliberal, onde a política se centra en privatizar os servizo públicos e non fortalecelos, Lalín xa é exemplo dende hai moitos anos.

Recordemos a importancia dos servizos públicos na loita contra a desigualdade, na protección das persoas vulnerables, na defensa fronte ás inxustizas a través dunha burocracia transparente e necesaria. Os servizos públicos son a pedra de toque dunha democracia sa e en Lalín isto non é así, pois a meirande parte deles están privatizados e, como non, a auga tamén.

Neste caso que estamos a tratar, o servizo público da xestión da auga debería ter en conta a excesiva presión contaminante que reciben os nosos ríos e atoparlle unha solución. Este problema sabemos que non é actual senón que existe dende hai décadas.

A Plataforma Aberta Cidadá cre na necesidade de solucionar a constante contaminación que recibe o río Pontiñas, así como o resto de cursos fluviais, algún dos cales serve da abastecemento para a auga potable que sae das nosas billas. Este é un tema ao que se lle saca pouco rédito mediático e político, por iso non se usa como arma no devir diario da política local, mais é un deses temas imprescindibles para a subsistencia da vida.

Pedimos á sociedade civil organizada que sitúe este problema onde debe estar e non no fondo dos armarios políticos. Facémolo así porque sabemos que a política institucional non o vai facer; son demasiadas xa as décadas de escurantismos que vimos soportando neste eido.

Comparte este artigo

Share on facebook
Share on twitter
Share on google
Share on whatsapp
Share on telegram