rescate_cidadania

URXENTE! RESCATE Á CIDADANÍA

Que está a acontecer en Lalín e como se podería abordar a situación doutro xeito?


Comezamos analizando os índices de paro mensual en Lalín dende xaneiro de 1999 ata abril do 2020. Como se pode ver na gráfica, dende 2008 o paro disparouse e, a pesares da caída destes anos, non se chegou a situar en valores anteriores a 2008. O último dato, de abril de 2020, di que hai 1293 persoas en situación de desemprego en Lalín. Porén, este dato por si só non é suficiente para entender a situación sociolaboral do noso municipio na actualidade. Cómpre engadir que hai 1153 persoas afectadas por ERTEs no Concello de Lalín. Non é igual de preocupante porque en principio estas persoas están cubertas cunha prestación, mais sabemos que as axudas están tardando moito en chegar, polo que se necesitaría un aporte por parte do Concello para paliar a situación das persoas que o necesitan.

Gráfico do paro mensual en Lalín dende xaneiro de 1999 ata abril de 2020 xunto co número de persoas afectas polos ERTE en Lalín.

Por outro lado, existe a posibilidade de que parte dos ERTEs se transformen en ERE, sobre todo tendo en conta o peso do sector servizos. Así o recoñecía tamén o alcalde de Lalín no pleno do 7 de maio de 2020. A todo isto habería que engadir algo que non reflicten as estatísticas: a precarización relacionada coa economía somerxida e cos coidados, que recaen, maioritariamente, en mulleres.

Pola prensa, sabemos que a situación non é como nola pintan. Nos últimos meses os niveis de pobreza e desigualdade están aumentando en Lalín por mor da crise que sufrimos. Titulares como Detectan un incremento de familias necesitadas en Deza y Tabeirós por la crisis del coronavirus (Faro de Vigo, 21-05-2020) son os habituais nos nosos xornais. Incluso o Goberno, nun movemento de última hora, parece que dá a entender que por fin é consciente desta situación, mais non acaba de destinar fondos para paliala.

Recortes de xornal onde se denota o incremento da desigualdade e a pobreza.

Non sería máis lóxico formular dende o Goberno de Lalín un plan de rescate á cidadanía? Non debería o plan contar con máis dotación en servizos sociais, como recoñecía o propio Crespo no pleno do 7 de maio de 2020? E non tería máis sentido contar coa participación das organizacións sociais e non só comerciais e empresariais? Recordemos que na elaboración do plan Lalín por vir recoñécese abertamente que se contou unicamente con asociacións do ámbito comercial e empresarial, tal e como o propio alcalde destacou no pleno do 7 de maio de 2020 (ver vídeo).

A nosa proposta é sinxela (tal e como dixemos no vídeo anterior):

  • Incrementar os fondos en servizos sociais para axudar as familias e persoas máis afectadas pola situación.
  • Creación e activación de bonos municipais. Estes empregaríanse para o consumo para satisfacer as necesidades de bens de consumo das persoas e familias que máis o necesiten. Ademais, estes bonos estaría destinados a ser gastados no comercio local, de tal maneira que tamén se poderían incluír no plan de apoio a autónomas, pemes e comercio para garantir que os cartos públicos se gasten no ámbito local.
  • Por outra banda, pensamos tamén en adquirir a moeda electrónica chamada Biqpoint, que se usa nalgúns comercios de Lalín para poder implantar estes bonos que poderían ser descontos no futuro para axudar ao comercio local.
Resumo das nosas propostas.

Temos que ser conscientes da situación que nos vén, toca arrimar o ombreiro, toca apoio mutuo, toca axudarnos entre nós e fortalecer as asociacións que traballan no eido social, pois son estas as que amplían a protección social á que o Concello non chega. Temos que ser coherentes, temos que ser responsables, temos que deixar o dogmatismo partidista e as falacias coas que só se consegue enganar o pobo.

Esta publicación é a transcripción do contido do seguinte vídeo:

Comparte este artigo

Share on facebook
Share on twitter
Share on google
Share on whatsapp
Share on telegram