Comeza o movemento dentro de min. As engrenaxes encaixan mentres mando sinais dende o meu cerebro. Unha perna móvese, un brazo érguese, unha voz racha o silencio. Como as rodas dentadas dun reloxo, todo se coordina para que saia da miña cova recuberta de confort e para que me introduza na convulsión imperante. Chego ao lugar. Reparto olas protocolarios e sorrisos debuxados nas engurras dos ollos. Achégase o día e convén que empecemos a falar da reivindicación, da necesidade, da celebración.
A pesar de que abordo o tema de maneira complementaria, isto é, como algo a maiores, axiña se converte en debate estrela. Por que hai un día da muller e non un día do home? Por que se aparta ao home das reivindicacións? Por que existe este día se na nosa sociedade apenas hai discriminación? Por que perder o tempo con valores transversais? Por que a folga? Por que isto? Por que aquilo? Por queeeeeeeeeeee?
Que fartura, que abafo, que pesadume! E engado, que necesidade teñen os meus queridos oídos de escoitar semellantes estupideces? Eu, que os coido, que os educo, que os mimo. De verdade, ata a mesmísima de explicarme, de defender e, sobre todo, de REEDUCAR. Porque esta ladaíña de preguntas mencionadas con anterioridade xorden, non do alumnado unicamente (que tamén), senón de persoas adultas formadas intelectualmente e das que esperamos certa madurez. E, por que non? Certo CRITERIO e ARGUMENTACIÓN.
Son unha auténtica ignorante en diversos temas (por exemplo, o cambio climático). Pero non se me ocorre poñelo en dúbida ou negalo. Tampouco me ofendo e creo que é un ataque persoal cando unha persoa profundamente concienciada me fala dos posibles cambios que podería levar a cabo na vida co fin de protexer o que nos rodea. Tampouco prometo facelo sempre e de maneira correcta. Síntoo, non son perfecta. Nin o pretendo. Agora ben, non molesto. Xa non pido seres concienciados co movemento, só me conformo con que, aquelas persoas que non aportan, por favor, afástense. Así está o panorama….
Pode que esta postura sexa altamente criticada, como a reflexión en xeral que aquí presento. Pois vale, ok. Agora tiro de linguaxe adolescente. É unha marabillosa frase que escoito a miúdo e que forma parte da miña expresión. Cando non quero escoitar máis, cando a situación me supera, pecho cun “pois vale, pois ok” e deixo descolocado a ese adulto que espera de min un produto máis elaborado en forma de reproche.
Chego ao final desta reflexión sen mencionar ese substantivo que tanto odio levanta, que tanto espanta e que a min tanto me enche. Aínda que non o menciono, todos sabemos de que falo. Por que? Porque isto que aquí conto é o que pasa ano tras ano cando erguemos a voz. Sigamos adiante.