portada_sagrado_comite

REUNIÓN DA PAC CO COMITÉ DE FOLGA DO SAGRADO CORAZÓN

Na xornada do pasado mércores, membros da Plataforma Aberta Cidadá reunímonos con varias das persoas que conforman o Comité de folga do Sagrado Corazón, ademais de co asesor da CIG Ensino para, por un lado, informarnos da situación actual na que se atopa o colexio e mais as traballadoras e, por outro, amosarlles o noso total apoio e falar tamén das posibles solucións ao problema, entre as cales se atopa a máis factible e favorable: que a Xunta se faga cargo deste centro concertado.

Tal e como o falamos no día de onte, o problema ao que se enfronta a comunidade educativa do colexio leva aumentando co paso dos meses grazas, fundamentalmente, á nefasta e máis ca dubidosa xestión do anterior dono, Joaquín Pereira, e tamén debido a que a actual Administración concursal presenta un nulo interese por facer permanecer os postos de traballo e por ofrecer unha solución a toda a comunidade educativa, pois o único que lles interesa é facer o máis rendible posible o centro para poder efectuar a venda. Recordemos que en menos de 15 días comeza o curso e dende esta Administración non se aporta ningunha solución.

O máis preocupante de todo isto radica nas intencións evidentes por parte da Administración concursal de desfacerse de gran parte das traballadoras a través dun ERE. As persoas que seguiron a dar a cara polo colexio ante o alumnado e as súas familias, algunhas incluso sen cobrar e que a día de hoxe teñen pendentes ata 6 meses de salario, son tratadas coma unha carga da que desfacerse para mellorar o atractivo da empresa cara ás posibles compradoras. Isto implicaría que un total de 35 persoas queden sen os seus postos de traballo, algo que semella non importarlles nin á Xunta de Galicia –de quen dependen as retribucións do profesorado do centro- nin ao Goberno lalinense encabezado por José Crespo. Este, de feito, xa no mes de xaneiro anunciou que levou a cabo unha serie de xestións para poder atopar unha solución, xestións das que non sabemos nada e que unicamente funcionaron para confirmar o que xa sabiamos: que o rexedor lalinense non está do lado das traballadoras nin da loita por facer permanecer os seus postos de traballo.

O alcalde de Lalín, sempre disposto a facerse o sorprendido ante as afectadas, trata de silenciar o conflito apelando ao suposto traballo que fai na sombra. Fiel aos seus principios como persoa de dereitas e como membro dun partido corrupto, o alcalde está facendo un bo traballo, si: velar polos intereses da patronal e polo seu enriquecemento económico. O propio José Crespo manifestaba que mentres el e o PP estiveran gobernando non se ía levar a cabo especulación urbanística nos terreos nos que se asenta o colexio; porén, vese que a especulación co propio centro si lle parece viable. A preocupación que o señor Crespo si pode compartir connosco é a perda de categoría. Preguntámonos cantas familias se poden trasladar a poboacións da contorna na busca duns servizos que aquí deixarían de ter, ou cantas das traballadoras que perdan o emprego (nesta ou en outras empresas) ficarán en Lalín.

Por outra banda, a desaparición dun centro educativo establecido no centro urbano e que ofrece servizos coma o comedor, a gardería ou outras actividades que complementan o horario lectivo, non sería fácil de xestionar. Se en circunstancias normais sería moi difícil poder derivar ese alumnado cara a outros centros, na situación que estamos a vivir a consecuencia da aparición da Covid-19 parece directamente unha insensatez, xa que aumentaría o número de alumnado por clase.

Dende a PAC queremos manifestar o noso total apoio ás traballadoras do centro e a toda a comunidade educativa afectada por esa situación inconcibible. No día de onte falamos de posibles solucións, sempre coa condición de manter os postos de traballo, das cales a máis beneficiosa e pola que nós tamén avogamos é que a Xunta de Galicia faga público o centro educativo. Esta debe pronunciarse e ten que aportar tamén unha solución viable, pois da outra maneira está demostrando de que lado está e de quen é cómplice; non esquezamos que o Sagrado Corazón é un colexio concertado, polo que a Xunta é parte responsable do mesmo.

Mobilización e concentración en Vigo

Sabemos que a mobilización cidadá é importante, pois só así poderemos crear conciencia e ser máis fortes de cara a solucionar os problemas que nos afectan a nivel social. É por isto que animamos a todas as persoas a apoiar as traballadoras do Sagrado Corazón apelamos á mobilización e á loita na rúa.
No día de onte trasladáronse unha serie de autobuses ata Vigo, onde tivo lugar unha reunión entre o Comité de folga e máis Lener, o despacho de avogados que leva a Administración concursal do Sagrado Corazón para que, dunha vez por todas, manifesten claramente as súas intencións en relación a que facer co centro.

Comparte este artigo

Share on facebook
Share on twitter
Share on google
Share on whatsapp
Share on telegram