Proceso electoral Plataforma Aberta Cidadá 18-19

O proceso electoral, no que estamos inmersas e inmersos, comezou en maio do 2018. Está formado por dúas quendas: a quenda organizativa e a quenda preelectoral.

Na fase previa á quenda organizativa traballamos de xeito participativo na elaboración de tres documentos.

  • Código ético.
  • Documento político.
  • Regulamento electoral (regras a seguir para o proceso de votación dos postos de saída da lista electoral da PAC para as eleccións municipais de 2019).

Na quenda organizativa, emendáronse e aprobáronse estes documentos en asemblea.

Na quenda preelectoral, as persoas interesadas en participar no proceso fixeron a súa inscrición, ben para presentar a súa candidatura, ben para participar da escolla, ben para ambas.

Esta fase cristalizou coa asemblea do 3 de febreiro, da que saíu a orde das 11 primeiras persoas da lista. Toda persoa interesada tivo a posibilidade de ser partícipe deste proceso, co requisito único de subscribir o noso código ético e documento político.

Durante este período coñecido como proceso electoral, podemos destacar tamén o traballo que se está a realizar en dúas liñas complementarias e de gran importancia. Por un lado, a elaboración participativa do programa electoral e, por outro, os encontros con colectivos e asociacións. Estas reunións permítennos, ademais de coñecer e valorar o traballo que están a facer, poder trasladar ao programa as súas necesidades e inquedanzas en forma de resposta.

Comparte este artigo

Share on facebook
Share on twitter
Share on google
Share on whatsapp
Share on telegram