7pes

Os 7 pés da ampliación do cemiterio da Romea

Consideramos prioritaria a conservación da natureza, é ela a que sustenta as nosas actividades humanas e onde conviven o resto de seres vivos que habitan o noso planeta, xa que non somos a única especie que vive na Terra. Sabemos que os gobernos que houbo en Lalín durante 25 anos por parte do PP foron esquilmadores do noso medio natural. É por isto que alzamos a voz ante un tema que por pequeno non é irrelevante (máis adiante falaremos doutros de moito maior calado): a ampliación do cemiterio da Romea.

Este luns, 9 de decembro de 2019, publicouse no DOGA (Diario Oficial de Galicia) un decreto para comezar o proceso de ampliación urxente do cemiterio da Romea (cemiterio novo). A historia vén de vello.

No 2015 apróbase a modificación nº 13 do PXOM (Plan Xeral de Ordenación Xeral Municipal) na que se contemplaba a ampliación do cemiterio debido ao incremento das taxas de mortalidade no concello e a falta de espazo dentro do recinto da Romea.

Modificación nº 13 do PXOM

Na memoria deste expediente, en referencia ao medio natural da zona de ampliación, a Secretaría Xeral de Calidad e Ambiental e Avaliación Ambiental di:

En relación co medio natural, a pesares de que no Concello de Lalín existe algún espazo natural protexido e elementos naturais recollidos baixo outros catálogos de referencia, na contorna do ámbito unicamente se identifica, afectando a unha pequena parte do leste do cemiterio actual a zona protexida definida como área prioritaria de reprodución, de alimentación, de dispersión e de concentración de aves, incluída no Catálogo de especies ameazadas.

Máis adiante:

4. Efectos ambientals previsibles .

A vista de que a MP que se trata, vén motivada por una necesidade social e que o ámbito no que se atopa non vai sufrir unha forte transformación respecto ao seu estado actual, pódese sinalar que, de acordo cos criterios establecidos no anexo II da Lei 9/2006, non se espera que se produzan efectos ambientais significativos.

Continuando na lectura desta memoria podemos observar no Informe sectorial emitido polo Axente Forestal do Distrito XVI, DezaTabeirós, de data 26 de setembro de 2014:

1.3 Formacións de frondosas

Presenza de sete pés de Quercus robur que se aconsella preservar pola súa i dade, porte e vigorosidade (con díametros entre 60 e 75 cms e un exemplar de máis de un metro de diámetro). Adxúntase breve anexo fotográfico.

Planos da zona de ampliación

Agora botémoslle un ollo aos planos que veñen neste documento. Na imaxe de abaixo pódese ver a zona contigua ao actual cemiterio que será a ampliación deste.


Imaxe da zona de ampliación do cemiterio no plano de ordenación O.3

Se collemos a imaxe de satélite desta zona vemos o espazo natural poboado de árbores.

Captura da zona do cemiterio e da súa ampliación feita en Google Maps.

Actualidade

Ao cambiar o goberno no 2015 esta medida quedou no casilleiro ata que o concelleiro de Urbanismo, Nicolás González Casares, o retomou. O Luns 18 de marzo de 2018 podíase ler a seguinte transcrición das afirmacións do concelleiro na web do concello de Lalín:

Casares afirmou que se salvagardará na medida do posible o bosque existente nos terreos que se van adquirir e que se conservarán as árbores de maior porte. Tamén se contemplará a construción de novos nichos no actual cemiterio e a remodelación da zona de servizos existentes.

Avisos e propostas

Para quen chegastes ata aquí, agora ven o que propoñemos. Como xa dixemos na introdución, os gobernos do PP nunca situaron a conservación nin a protección da biodiversidade en primeiro plano, polo que cremos na necesidade de estar alerta sobre esta nova obra desta corporación. Poderíase facer unha ampliación adaptada ao entorno como noutros cemiterios, caso de Praga (imaxe de abaixo), sempre tendo en conta o espazo necesario para albergar os 3.100 nichos, mais sen esquecer a importancia das especies vexetais autóctonas na zona, polas súas funcións ecosistémicas: acubillo de aves, mamíferos e invertebrados, mantemento da temperatura, sumidoiros de CO2 ,…

Cemiterio en Praga.

ESTAREMOS ALERTA!

Comparte este artigo

Share on facebook
Share on twitter
Share on google
Share on whatsapp
Share on telegram