Orgullo LGTBI!

Nova York, 28 de xuño de 1969. A persecución policial de homosexuais, lesbianas e transexuais cebábase en pechar os poucos lugares onde se podían reunir. Un deses lugares era o bar Stonewall e nel comeza a revolta. Na noite do 28 de xuño de 1969, a clientela do Stonewall negouse a colaborar no seu arresto, sublevouse e, tras a batalla, constituíu unha asemblea improvisada. Por primeira vez, eran unha comunidade política que estaba disposta a defenderse da violencia hexemónica e que non ía pedir permiso por existir.
Celebramos este acontecemento cada 28 de xuño, porque segue sendo necesario o traballo de visibilización e reivindicación política dende todos os ámbitos, incluído o local.
A pouco que deparemos no mundo no que estamos, as evidencias non deixan de confirmalo: continuamos nunha sociedade heteronormativa e segue habendo países nos que a homosexualidade e a transexualidade son obxecto de pena de cárcere, cadea perpetua e mesmo a morte; estatísticas de asasinatos de persoas trans no mundo; maior incidencia de depresións e condutas suicidas entre os e as adolescentes LGTBI; existencia de terapias de conversión, como se houbese que curarse da propia configuración do desexo…
Cada 28 de xuño, o Día Internacional do Orgullo LGTBI convértese na festa de quen non quere pedir permiso por existir tal e como se sente e desexa ser, unha reafirmación alegre, mais tamén tinguida dunha reivindicación que continúa a ser ben pertinente desde o punto de vista cívico e político.

Comparte este artigo

Share on facebook
Share on twitter
Share on google
Share on whatsapp
Share on telegram