O 14 DE ABRIL: MEMORIA E FUTURO

Como cada 14 de abril, dende a Plataforma Aberta Cidadá queremos reivindicar esta data. E queremos facelo non só como un fito histórico senón tamén como unha oportunidade para a memoria, pois só recordando poderemos construír un futuro digno para todas e todos nós. A II República supuxo progresismo, liberdade e democracia, ausente dende o 1874. O 14 de abril trouxo consigo o remate dun réxime marcado polo caciquismo, a política clientelar e unha monarquía rancia e caduca co Exército e a Igrexa como máximas aliadas. A República foi un acto revolucionario que rematou con anos de escurantismo. Procesos de alfabetización, o sufraxio universal, a Lei do Divorcio, a Lei do Aborto, a laicidade do Estado… Unha serie de avances que se viron truncados polo Golpe de Estado fascista do 36, que o franquismo quixo e quere silenciar e terxiversar.

Facemos un exercicio de memoria para lembrarlle aos lalinenses e dezaos a vixencia dos valores e experiencias das persoas que entregaron o seu traballo para erguer a esperanza compartida de construír un novo país, os seus veciños que loitaron “en defensa da liberdade da República Española e os dereitos humanos”. Manuel Ferreiro, Xesús Golmar, Luís Frade, Xesús Froiz, José Crespo Torres, José Montouto, Ramiro Granja, Adolfo Blanco Barreira, … e moitos outros, transformaron un réxime podrecido entre a miseria e a explotación e contribuíron a crear en Lalín unha sociedade democrática igualitaria e libre; e sufriron por iso a represión do fascismo. Recordalos e telos presente é un acto de xustiza.

É por isto que dende a PAC reivindicamos a memoria como instrumento fundamental para aprender do noso pasado, pois só así poderemos avanzar. A monarquía vén demostrando, e moito máis nos últimos tempos, ser un réxime político corrupto. A reivindicación da República, incluída no noso documento político, constitúe a mellor resposta democrática que a cidadanía pode dar para enfrontar o secuestro da soberanía popular. Precisamos dun cambio de réxime no estado español pois só así poderemos loitar e conseguir un futuro de liberdade, democracia e xustiza.

Se queremos construír un novo país, distinto e mellor, agora é o momento: hai que ir xa pola terceira.

Viva a República!

Comparte este artigo

Share on facebook
Share on twitter
Share on google
Share on whatsapp
Share on telegram