MEMBROS PRIVILEXIADOS

Ola, son un macho, un macho que non tivo o privilexio de encabezar nunca nada. Pero que sempre foi líder. Dende neno me aboquei a un papel que foi determinante para o meu desenvolvemento como home, un papel que me foi asignado, claro; recordemos que vivimos nunha sociedade heteropatriarcal na que nos configuran e nos configuramos como persoas sabias, audaces, fortes e violentas, os adxectivos primordiais para poder vivir sen problemas. Tampouco é que indague moito máis no asunto; eu, con tal de poder manter o meu ego a salvo, estou contento. Camiño polos carreiros como se o meu fora o terceiro estado, busco información sobre como construír barcos, indago arredor da idea de rematar con este sistema neoliberal que nos abafa e nos converte en persoas planas… E toleo.

Son consciente de que vivo nunha especie de batalla entre o mantemento do meu ego e a eliminación dos estereotipos de xénero. Rara vez tiven que demostrar nada, a miña presenza por si soa xa manifesta, existo, non preciso amosarme, non teño medo de expresarme. Nunca me sentín intruso. Gustaríame que todo isto non fose unha consecuencia de ser criado arredor dun onanismo permanente. Pero si o é. No fondo atópome moi cómodo nesta situación; porén, sinto unha rabia incontrolada cando me dou conta de que eu son un dos alimentos da desigualdade entre homes e mulleres, e é aí cando me paro a reflexionar e digo basta. Porque si, hai dous anos non encabecei ningunha lista, porque non me fixo falta. Fun o número dous nunha agrupación electoral. Todo isto non tería a máis mínima importancia se non fora porque quen me precedía era unha muller. Si, unha muller. Eu, o varón, quedou relegado a un segundo posto grazas a unha práctica democrática. Pero nin sequera o notei.

Resulta curioso, non? Mentres as mulleres loitan por tentar rachar ese teito de cristal do que moitas veces non somos conscientes, a min deume igual non chegar a un primeiro posto nunha lista electoral porque, no fondo, sempre fun primeiro en todo. Son un home. Realmente todo isto do que estou a falar non tería importancia se non fora porque, a nivel demagóxico, a maior parte da sociedade pensa que o feito de que unha muller vaia nos postos de saída xa é suficiente, con iso xa conseguimos avanzar nese camiño arduo que é o da consecución dunha igualdade real. A maior parte dos partidos teñen como cabeza visible un home, un feito que non é casual, por moitos motivos dos que só vou enumerar dous: a síndrome da impostora e a dedicación aos coidados. Dicía que a maioría dos partidos teñen como cabeza visible un home, ao que lle segue unha muller de número dous, unha práctica que non pode deixarnos indiferentes, pois con ela reafirmamos o que xa sabiamos: as cotas de poder están masculinizadas, a muller continúa a ser unha peza calquera deste crebacabezas igualitario e as prácticas que proveñen da dereita están tan estendidas que nin sequera nos damos conta de que buscamos mulleres só para encher ocos.

Comparte este artigo

Share on facebook
Share on twitter
Share on google
Share on whatsapp
Share on telegram