Máis manobras de distracción

De acordo con ese desfile de caras que José Crespo organizou despois da súa volta ao traballo de maneira presencial, onte puidemos ver o concelleiro de Deportes, Xuventude, Feiras e Agricultura apoiando a necesidade da reapertura do mercado de proximidade que se celebraba os sábados na rúa Matemático Rodríguez.

Souto Rozados camiña pola senda que lle marcou José Crespo na última sesión plenaria: culpar de toda inactividade ao goberno do Estado e incidir no bloqueo ao que está sometido para poder levar a cabo iniciativas da súa competencia. Pero isto é falso e, como ben dixo o alcalde no pleno celebrado o día 17 de abril: “quen diga o contrario, mente”.

Por que é falso?

1º O decreto que declarou o estado de alarma (Real Decreto 463/2020) no seu anexo non inclúe os mercados de venta directa de alimentos e produtos agrícolas e gandeiros.

2º A competencia sobre “feiras e mercados interiores” (segundo o Estatuto de Autonomía de Galicia) correspóndelle á Xunta de Galicia.

3º Outras Comunidades Autónomas, coma Euskadi, permitiron a apertura destes mercados gardando as medidas de distanciamento social e de profilaxe recomendadas polas autoridades sanitarias.

Que está a suceder, entón?

Neste caso, repítese a estratexia do PP: culpar de todo ao Goberno do Estado para xustificar a súa inoperatividade e inacción. Se alguén ten que mover ficha neste asunto é a Xunta de Galicia, gobernada polo PP. O concelleiro de Feiras só actúa como voceiro do seu partido, non das necesidades do pobo de Lalín.

Que facer?

Se dende a concellería de Agricultura e Feiras lle preocupase de verdade o mercado dos sábados, podería axudar as persoas produtoras que alí se sitúan con varias actuacións sinxelas:

  1. Ofrecéndolles canles de distribución dos seus produtos.
  2. Mercándolles a súa produción para satisfacer as necesidades alimentarias das familias que así o necesiten.
  3. Incorporando os produtos de proximidade ao programa Xantar na casa.
  4. Habilitar na web municipal un apartado para permitirlle a venta online e o contacto con aquelas persoas que decidan consumir produto local.

En definitiva, temos ante nós outra manobra máis de distracción dun Goberno desorientado, paralizado pola situación. Como xa dixemos en numerosas ocasións durante este mes, imos apoiar as iniciativas que xurdan por parte do Concello, pero o que non imos facer é comungar cunhas rodas de muíño que só pretenden xustificar a inacción culpando outra xente.

Comparte este artigo

Share on facebook
Share on twitter
Share on google
Share on whatsapp
Share on telegram