INFOXICACIÓN

Gústame saír camiñar, moitas veces só e de noite, incluso cando chove moito ou vai moi mal tempo. Camiñar axúdame a pensar. Coma se fose un bebé deitado no carriño, voume deixando levar polos meus pasos, vou retardando o día e adurmiñando as miñas tribulacións. Camiño e cavilo, repaso o que escoitei, o que lin, con quen falei ou que película vin. Escollo como habitación propia o privilexio que teño, como home, de camiñar de noite.

Todos os días prodúcense moitas noticias (digo “prodúcense” polas razóns que hai detrás de xerar miles de contidos, pola competencia e polo rédito económico). Estas noticias condicionan os nosos pensamentos, a maneira como entendemos o mundo e como “razoamos” arredor dunha cuestión máis ou menos relevante. Ao que eu chamo “noticias” accédese por moitos medios: a través dun xornal, dun podcast, das amizades, da xente no ximnasio, do infinito scroll nas redes sociais… Existe unha clara sobreabundancia de información na que non sabemos vivir. E, ademais, moitas desas noticias teñen unha vida moi curta; o que hoxe é noticia mañá xa está esquecido. Quen posúe a imprenta posúe a opinión pública.

Quere dicir isto que non somos donas das nosas ideas e do que pensamos? En parte si e en parte non. Está claro que o espírito crítico axuda a non caer na noticia falsa, a non crer a opinión sectaria, a entender que, algunhas veces, nunha cuestión existe máis dunha posición e outras veces só unha das posicións debería ser considerada válida. Mais, quen é capaz de construír, nos nosos días, un espírito crítico? É compatible estar ao día en todas as series de HBO, Netflix, Amazon Prime e demais rémoras de tempo con ser quen de reflexionar sobre o mundo, aínda que só sexa un pouco cada día? Creo que non.

Se estiveramos mellor informadas e tiveramos tempo para reflexionar e analizar de xeito crítico o mundo, este sería un lugar mellor, con menos desigualdades e penurias? Tampouco o teño claro. Non quero xogar ao discurso motivacional de pensar que o tempo empregado na reflexión vai ir ben encamiñado, só hai que ver a caterva de fascistas que abondan nos nosos días, con carreiras, mestrados e doutoramentos.

Tan só quero chegar aquí co convencemento de que todo o mundo debería ter a súa habitación propia, non só un lugar onde ser sen máscaras, sen atrancos, senón tamén onde ser para pensar e dedicar o tempo a cavilar.

Comparte este artigo

Share on facebook
Share on twitter
Share on google
Share on whatsapp
Share on telegram