Ideas peregrinas

Área de reparto 26 na que estaría situada a megapraza

Dende a Plataforma Aberta Cidadá queremos manifestar o noso rexeitamento claro ao proxecto presentado polo candidato do PP, Xosé Crespo, este sábado, véspera da Feira do Cocido.

Asómbranos a pouca capacidade de autocrítica do senador por Pontevedra. Todos recordamos como se xestaron as lexislaturas nas que Xosé Crespo foi alcalde, obras e pelotazos urbanísticos, un exemplo claro do que non hai que facer e unha acumulación de débeda desmedida que non revertiu na mellora do benestar da poboación nin na creación dun sector produtivo estable e de futuro para Lalín.


Asómbranos tamén o feito de presentar un proxecto para unha superficie urbana que está incluída nunha das áreas de reparto do actual PXOM (a área de reparto 26 que permanece sen desenvolver desde a aprobación do PXOM hai máis de 20 anos), aprobado polo goberno de Crespo, con moitas outras áreas que tampouco se desenvolveron. Nunca durante os seus mandatos se lle ocorreu ao goberno do PP modificar o PXOM para realizar unha ampliación da praza e agora aparece, cunha clara intencionalidade populista e electoralista, cunha megapraza innecesaria para os momentos actuais da nosa vila.


Por que non recuperar un edificio que reforzaría moi ben os espacios socioculturais que temos, como o cine Lalín? Porque Xosé Crespo non ten un proxecto para Lalín, só un listado de obras, algunhas novas e outras recuperadas do seu caixón do esquecemento; e algo aínda máis importante, non lle importa o futuro do noso concello. Obras, obras e máis obras.

En definitiva, unha nova mostra de ausencia de coñecemento e reflexión á hora de planear novos proxectos. Desorientación e fastío é o que nos transmiten as propostas do PP.

Comparte este artigo

Share on facebook
Share on twitter
Share on google
Share on whatsapp
Share on telegram