Florentino: cando o único que interesa é o capital e o enriquecemento persoal

Lalín quedou impactada pola recente noticia da deslocalización do 80% da produción de Florentino. Paradigma dun excelente empresario, como afirmaba Alberto Núñez Feijóo en 2013, innumerables son as aparicións do empresario a carón de José Crespo: é o seu modisto de cabeceira, confecciona as capas da Encomenda, formou parte do Consello Municipal que en 2015 activou José Crespo para asesoralo sobre a súa xestión, apareceu na homenaxe que o naquel entón alcalde se fixo a si mesmo polos 20 anos no cargo, acudiu a numerosas reunións con diferentes representantes públicos para tratar diversos temas empresariais e así ata rematar coa amizade profesada entre ambos.

https://www.youtube.com/watch?v=KkGL53xIEt0

A empresa Florentino é a primeira empregadora de Lalín, segundo o informe Ardán de 2019, con 204 traballadoras e traballadores, na súa meirande parte mulleres. O ano pasado facturou case 9 millóns de euros e, dos centos de empresas que hai en Lalín, sitúase no posto 14 en volume de facturación.

Dende a Plataforma Aberta Cidadá non entendemos esta comunicación de deslocalizar a produción, despois de ter solicitado un ERTE. Queremos recordar a afirmación que o empresario fixo en 2018 cando se lle outorgou o Premio Honorífico da Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) de Pontevedra:

Sempre partín dunha premisa moi importante e é que nós somos parte da sociedade e temos que ter en conta a ética no traballo. É moi importante responder a ese esforzo social que facemos e que a xuventude entre nunha dinámica ética

Diario de Pontevedra, 15 de outubro de 2019

Nos círculos afíns ao PP e na boca dos seus representantes locais escoitamos con frecuencia as calidades dunha boa empresaria, competitividade e produtividade. Estes dous dogmas, que en moitas ocasións se contrapoñen á calidade do traballo e ao benestar do cadro de persoal dunha empresa, son dogmas neoliberais que se foron asumindo por parte da sociedade, mais agora vemos como quen pregoa ética no traballo e esforzo social só ten en mente os beneficios económicos, nada lle importa a economía local nin o benestar das súas traballadoras, que levan moitos anos traballando no sector e que se verán abocadas ao desemprego nun momento moi difícil debido á crise que se nos vén enriba.

Somos conscientes de que Florentino, como empresario, está no seu dereito de marchar na busca de maiores marxes de beneficio; porén, a corporación municipal está na obriga de retirar o trato deste como emblema local e cortar as relacións económicas con quen opera en contra dos intereses da xente de Lalín.

É o momento de situarse coas traballadoras. Mover fíos na busca de empresas do sector ás que puidera interesar o capital humano que temos na zona, e por outra banda, informar e formar ás traballadoras das posibilidades da economía social e produción cooperativa, dos fondos e axudas a disposición para este tipo de emprendementos, e dar todo o apoio posible no caso de haber persoas decidas a poñer en marcha un destes proxectos.

Comparte este artigo

Share on facebook
Share on twitter
Share on google
Share on whatsapp
Share on telegram