O feminismo constrúese como unha rede de apoio e loita contra o sistema heteropatriarcal. Mulleres que buscamos o avance. Mulleres que buscamos a ansiada igualdade.

Hoxe en día son varios os referentes nos que verse reflectida. Son moitas as voces que axudan a difundir o discurso feminista dende diferentes artes. A pesares do inxente esforzo, nunca é suficiente. Unha desas numerosas voces é María Sánchez. Esta escritora e veterinaria de campo crea o ensaio Tierra de mujeres, un texto sinxelo pero contundente arredor do movemento feminista. Grazas aos seus recordos, redescobre os seus antepasados femininos: mulleres do rural que xogaron un papel clave nos coidados, pero tamén na progresión económica da familia.

Son este tipo de textos os que non abundan na sociedade e, sobre todo, no ámbito educativo. Si, están; pero non tanto como deberían. Nunca se debe xeneralizar xa que cada centro é unha pequena, mediana ou gran familia que funciona baixo unhas determinadas regras. Porén, o que si é certo é a notable ausencia de referentes femininos nos programas educativos. Nesta ausencia de nomes tamén vai o seu traballo e as súas ideas.

En literatura, por exemplo, descubrimos como Elena Garro (muller de Octavio Paz) ou Felicidad Blanc (a de Leopoldo Panero) foron grandes escritoras; incluso atrévome a dicir, mellores que os seus consortes. Xa se sabe, a literatura, como todo, é cuestión de gustos. Grazas ao traballo de editoriais independentes como Renacimiento, coñecemos a verdadeira Felicidad Blanc, aínda que non estea tan difundido o seu traballo. Máis sorte ten Elena Garro xa que a súa obra figura na mesmísima Alfaguara, que publica Recuerdos del porvenir, unha obra tinguida polo realismo máxico ata tal punto de non saber se estamos lendo a García Márquez ou a propia Garro. En definitiva, gusten máis ou menos, é de obrigado cumprimento coñecelas.

Estes son dous exemplos dos múltiples que hai. Pero, cantos se descoñecen aínda? E o máis preocupante, cales coñecen as xeracións que estamos educando? Creo que non moitos. E as posibilidades de introducilos tamén son poucas. Un club de lectura, o 8M, o día da muller escritora son algunhas das datas que nos permiten presentalas.

Parecía que este obstáculo estaba superado, non? Parecía que a visibilización da muller no coñecemento xa estaba asentada na sociedade. Así o criamos. Non obstante, cando deixas atrás os libros e entras nunha aula, comprobas canto queda por facer. María, Elena ou Felicidad son moi necesarias. Sen dúbida, isto último non o debes esquecer. Ti, que estás a ler esta reflexión, pero tamén os educadores e educadoras que estamos formando as futuras xeracións. Só deste xeito conseguiremos aquilo polo que tantos e tantas loitamos.

Comparte este artigo

Share on facebook
Share on twitter
Share on google
Share on whatsapp
Share on telegram