Dende nena recordo que sempre tiven as ganas e a predisposición para axudar. Co paso dos anos, comecei a facelo xa a outros niveis, non só na escola para ir buscar un xiz á conserxería, senón doando sangue, vivindo experiencias en diferentes entidades, tanto de ámbito local como internacional, algunhas con máis eco, e outras máis silenciosas…
Considero o voluntariado como unha revolución que empodera a moita xente, algo que estamos facendo milleiros de persoas ao redor do mundo, e está a cambiar paradigmas en diversos sectores da nosa sociedade.
Algunhas das miñas experiencias en Galicia foron, por exemplo, o acollemento familiar, ensinar español a inmigrantes, ioga para persoas maiores, traballar nun comedor social ou como acompañante para actividades de ocio cunha asociación de persoas con discapacidade intelectual… Tamén me mergullei nun campamento de verán cunha asociación para a integración de persoas con parálise cerebral, participei nunha asociación con persoas con Síndrome de Down promovendo a súa autonomía en todos os aspectos, con persoas con alzhéimer… Voluntariados medioambientais e sociais no Parque Nacional do Xurés e tamén nas Cíes, e o último foi un campo de voluntariado de arqueoloxía en comunidade no Castro de San Lourenzo.
En Irlanda, nun campamento de surf para nenos e nenas con trastorno do espectro autista, obradoiros de manualidades feitas con material de refugallo…
A nivel internacional, a miña vivencia nun orfanato en Tanzania produciu en min un grande impacto; foi, sen dúbida, o comezo dun proceso de desaprendizaxe, que me permitiu centrarme no que estaba a vivir e aprender de novo. En Nepal puiden traballar cunha asociación de persoas con distrofia muscular, en Sri Lanka nun restaurante ensinando inglés, no norte da India facendo montañismo ao mesmo tempo que, cunha organización, xuntabamos todo o lixo que ao noso paso iamos topando, e máis!
Polo tanto, podo dicir que o voluntariado é unha experiencia que te leva a descubrir e explorar intereses, á parte de que che permite adquirir habilidades valiosas para a meirande parte de traballos: comunicación, resolución de conflitos, traballo en equipo, xestión de actividades…
Escoitastes algunha vez isto de “facer voluntariado non ten sentido”? Ou: “como que traballas gratis por facer todo iso? Que beneficio obtés?” Nestas preguntas non se contempla que “sen levar nada a cambio” significa adquirir unha visión máis ampla e positiva da vida e incrementar a empatía social… Involucrarnos en causas que nos revolven por dentro e que nos mobilizan provoca que reflexionemos, que pensemos, fai que xeremos vínculos e relacións interpersoais, onde a aprendizaxe e as sensacións que se producen son enormes e incalculables. Gáñase, sen dúbida, máis humildade e humanidade.
Cantos seres precisan do noso traballo e enerxía? Que acontecería se non tivésemos mans voluntarias, por exemplo, ante unha catástrofe de índole natural?
Verdade é que cambiar o mundo é complexo, pero polo menos podemos mudar o mundo de alguén ou o micromundo que nos rodea. Eu sempre digo que algo mínimo é algo moi grande, xa que o/a voluntario/a é unha persoa que libremente elixe canto e como investir o tempo na causa que decida.