Devolver o equilibrio aos nosos cursos fluviais, unha responsabilidade ineludible do noso Concello.

É común no noso Concello que a empresa do servizo de auga (que fora concesionaria e que actualmente se mantén a través de contratos puntuais), Espina y Delfín, faga uso de reactivos floculantes para eliminar os elementos contaminantes da auga. Isto débese en maior medida ao verquido de puríns nas zonas colindantes aos cursos de auga dos que nos servimos para abastecernos.

Este problema é recorrente, mais os esforzos para palialos por parte da Administración pública teñen sido escasos na historia do noso Concello. A auga é un ben imprescindible para a vida e a alteración do seu ciclo, a calidade e a cantidade poden ser determinantes para o futuro da nosa especie sobre a terra.

A Directiva Marco da Auga é a norma europea común que rexe a protección e uso racional dun ben escaso e necesario como é a auga e nela indica que o éxito desta norma dependerá da colaboración entre a Comunidade, os Estados membros e as autoridades locais. Por tanto, é necesaria a implicación do Concello a todos os niveis para loitar contra este problema.

Por outra banda, no prego do Plan de Saneamento Urbano de Lalín dise: O coñecemento por parte do Concello da rede de saneamento é moi escaso e non
existe cartografía da rede que permita analizar os problemas e tomar decisións sobre a mesma.
Deste xeito, podemos dicir que o Concello descoñece a súa rede e
as presións que soporta, polo que o primeiro paso para atallar un problema é coñecelo.

É importante destacar que, ademais de que na Directiva Marco da Auga se exhorte as autoridades locais a formar parte do reto, tamén a Lei Reguladora das Bases de Réxime Local, no seu artigo 25c, indica que é competencia dos Concellos:

Abastecemento de auga potable a domicilio e evacuación e tratamento das augas residuais.

Artigo 25c da Lei 7/1985

Tendo en conta que dende a Plataforma Aberta Cidadá defendemos os servizos públicos e a protección do noso medio, solicitamos ao Concello de Lalín a posta en marcha dun proceso para devolverlle o equilibrio aos nosos cursos fluviais mediante
tres pasos, de menor a maior competencia:

  1. A remunicipalización do servizo da auga, abastecemento e saneamento.
  2. A posta en marcha dun plan de vixilancia e control dos verquidos de purín solicitando á consellería, se fora preciso, a colaboración necesaria ou contratando persoal propio para poder levar a cabo estas tarefas ineludibles para conservar o noso patrimonio.
  3. A creación dun programa de concienciación e transición dun modelo agrogandeiro intensivo cara á un extensivo e diversificado, xa que a mala xestión dos puríns está relacionada co primeiro.

É importante destacar que todas estas propostas xa estaban contidas no programa electoral co que nos presentamos ás eleccións locais de 2019.

Comparte este artigo

Share on facebook
Share on twitter
Share on google
Share on whatsapp
Share on telegram