CON DOUS COLLÓNS

Debido á pandemia creo que se fomentou demasiado a necesidade da heroicidade como postura política. A desresponsabilización (se é que existe esta palabra) comunitaria e institucional clásica fronte á acción de heroes anónimos que, imbuídos por unha forza ancestral, se erixen como solucionadores de problemas que deberían de resolverse doutras formas menos violentas.

O heroísmo, no fondo, é individualismo, é desafecto. A necesidade de ter que contar cun perfil de persoa que encarne valores absolutos de responsabilidade, integridade e intelixencia é unha postura vital-política (“o persoal é político”) sumamente custosa, emocional e psicoloxicamente. Cando descargamos a responsabilidade social sobre os ombreiros dunha soa persoa estamos reproducindo o modelo neoliberal do #fainotimesmo, esixindo unha vontade, soidade e independencia brutais e nada empáticas.

Do outro lado do heroísmo está a comunidade, o grupo, a rede. Cando levamos a cabo unha acción social en comunidade, repartimos os problemas e atallámolos como grupo, fomentamos e construímos esa interdependencia que xa existe de base e que sempre obviamos ou esquecemos. Gustaríame que a loita social fora en rede porque, ante todo, debemos coidarnos e respectarnos, non esixirnos modelos imposibles de acadar e que, no fondo, requiren dunha morea de insatisfaccións debido á cantidade de contradicións que hai que superar cada día.

Creo que, dunha forma ben evidente, a heroicidade está relacionada con esa masculinidade denominada tóxica. É común que concibamos unha soa masculinidade, ese home duro, impertérrito ante a vida, sempre disposto, resolutivo, violento e forte. En definitiva, unha estatua de mármore. É debaixo desa pel dura onde se atopa o individuo solitario, independente e illado que debe resolver por si só os problemas que lle veñen, cousa que ás veces é imposible xa que, repito, somos interdependentes, sobre todo nos afectos.

Aquí percibimos como as relacións de poder e as ideoloxías dominantes operan tanto na vida pública como na privada. E, aínda que non o queiramos ver, aí están; valoramos moito máis as actitudes dominantes, aínda que sexan negativas e insostibles, fronte ás actitudes arteiras, que moitas veces percibimos como subordinadas ás dominantes. É momento de levar á práctica toda a teoría dos coidados, das redes afectivas e da empatía pois, se non o facemos, caeremos no fondo do sistema neoliberal e remataremos sendo seres únicos que viven nas súas propias máquinas íntimas de soños dixitais.

Comparte este artigo

Share on facebook
Share on twitter
Share on google
Share on whatsapp
Share on telegram