A Feira do Cocido, un acto preelectoral do Partido Popular

Esta fin de semana asistimos en Lalín a unha deturpación intencionada da Feira do Cocido por parte do Partido Popular, o cal leva usando moitos anos a nosa festa, a da xente do común, para visibilizar a súa formación política. Houbo na nosa vila dúas celebracións paralelas claramente diferenciadas: a do Partido Popular e a popular.

En plena precampaña das eleccións autonómicas, puidemos ver mostras suficientes do que supón o Cocido para o PP: un escaparate no que destacarse. Por Lalín pasaron 9 cargos do PP (6 deles foron nas listas do PP nas eleccións autonómicas de 2016): o actual candidado do PP a presidir a Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo; o alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida; o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez; o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña; o conselleiro de Industria, Francisco Conde; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro; o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas y Xustiza, Alfonso Rueda e a deputada no Congreso, Ana Pastor.

Cargos do PP durante a Encomenda. Imaxe extraída da conta de Facebook do Concello de Lalín.
Cargos do PP asistindo á Encomenda. Imaxe extraída do telexornal fin de semana da TVG do día 16 de febreiro de 2020.

A Feira do Cocido é unha festa popular, entendida como un momento de xuntanza, é a nosa festa e moldea a imaxe turística de Lalín por toda Galicia. Nesta edición esta imaxe baseouse nunha mestura incoherente de contidos, pois o verdadeiramente importante foi darlle visibilidade ao Partido Popular.

O Cocido non debería ser o produto dun faraón megalómano que cre que o Concello é da súa propiedade, o Cocido é unha festa gastronómica que serve para poñer en valor o noso agro, as nosas tradicións e darlle visibilidade á nosa vila, dende Ramón Aller ás pandereteiras de Zobra.

Por todo isto, queremos deixar claro o noso rexeitamento do uso partidista que o PP de Lalín fai da nosa festa. Despois de recuperar a gala do cocido e intentar disfrazala de benéfica cunha ínfima doazón a algunhas asociacións de Lalín e de facer campaña política no cocido oficial, non estamos dispostas a seguir aturando este nivel de polarización. A Feira do Cocido é para a xente, e non só para a que pertence ou milita no PP.

Comparte este artigo

Share on facebook
Share on twitter
Share on google
Share on whatsapp
Share on telegram