A PAC é unha agrupación cidadá, unha plataforma que emana da veciñanza e pretende cambiar a política local, esta sempre foi e será a nosa motivación.
Hai un ano presentámonos ás eleccións locais do #26M despois de pasar por un proceso participativo de elaboración dun documento político e dun código ético, así como a escolla aberta da candidatura e a redacción dun PROGRAMA ambicioso no que calquera lalinense puido participar. Este foi un proceso que recolle as dúas características que reclamamos na xestión diaria do concello: transparencia e participación.
Hoxe hai un ano que se celebraron as eleccións locais do #26M. Hoxe hai un ano que quedamos fóra da política institucional (hai política máis alá do Pleno), mais non queremos caer no derrotismo e queremos agradecer, de novo, ás 457 persoas que vistes no noso programa un modelo de futuro para Lalín: ecoloxismo, recuperación e fortalecemento dos servizos públicos, feminismo, transparencia e participación.
Despois da regresión que supuxo para Lalín o resultado das eleccións locais do #26M cómpre, máis ca nunca fortalecer os movementos sociais, a conciencia cívica e a crítica social fronte a este goberno local implacable. Como dixemos hai case un ano:
Seguiremos a loita de barracóns e trincheiras, co asociacionismo que berra para que non derriben carballeiras, que contraprograma accións culturais e sociais, que denuncia políticas clientelares, que se manifesta en contra da corrupción…
Queremos o noso pobo moito, e doutra maneira. Queremos a nosa vida aquí e imos pelexar. Somos felices. Somos a PAC.
Dende o agradecemento ás que estivestes e estades aí, e o compromiso cunhas ideas e valores que entendemos cada día máis necesarios, seguiremos cos nosos acertos e erros a traballar na procura dun pobo mellor.
SEGUIMOS!