antifeminismoPP

O Motococido, un evento do Partido Popular para silenciar o feminismo

En xaneiro de 2020, o alcalde de Lalín e mais o concelleiro de obras do rural e festas, José Cuñarro, xunto con representantes do motoclub Kilómetro 0, presentaron o evento chamado Motococido. Este consiste nunha concentración de moteiros/-as que se celebrará na nosa vila a fin de semana do 8 de marzo, Día Internacional da Muller.

De xeito inicial, cómpre destacar a ilimitada incoherencia do grupo popular, xa que cando estaban na oposición consideraban que a Feira do Cocido era unha festa que non se debía vincular a ningunha outra celebración, a propósito do que se fixo coa primeira edición da festa do Orgullo, e agora defenden xusto o contrario: a relación explícita entre unha concentración moteira e a nosa festa máis emblemática.

Dende a Plataforma Aberta Cidadá consideramos que na organización deste evento, por parte do actual Goberno de Lalín, existe un sectarismo claro e un desexo de xerar un conflito. Ás probas nos remitimos:

Primeiro, o 8 de marzo é unha cita marcada no calendario lalinense dende hai anos, é un día para reivindicar o feminismo e poñer de manifesto as dificultades polas que pasan as mulleres en pleno século XXI. Nestes anos o Día da Muller congregou en Lalín a centenares de persoas que se manifestaron para reclamar máis dereitos e menos violencia, é dicir, o 8M xa estaba consolidado en Lalín.

Programación do Motococido no #8M.

Segundo, é coñecida a animadversión do PP polo feminismo ou por calquera indicio de avance social en termos de igualdade. E é aquí onde reside a verdadeira motivación de situar un evento como o Motococido na fin de semana do 8M: intentar crear un conflito e tratar de desvirtuar a loita feminista.

Terceiro. Se indagamos nas declaracións dos concelleiros implicados no Motococido, isto é, o concelleiro de festas e o concelleiro de deportes, vemos que eles mesmos indican que teñen un papel destacado no evento que organiza o motoclub. Esta é unha posición vantaxosa porque, deste xeito, permítelles evadir a responsabilidade de calquera aspecto negativo do evento e capitalizar o éxito político se sae como pretendían. Porén, o certo é que calquera interferencia entre ambos eventos será froito da incompetencia do Goberno local que, ou ben ignorou ou desprezou as celebracións asociadas ao 8 de marzo, ou directamente buscou contraprogramalas.

Por todo isto, queremos manifestar o noso rexeitamento do uso sectario que o PP fai dos bens públicos e mais da programación deportivo-festiva e queremos pedirlle ao pobo de Lalín que este domingo saia á rúa e apoie a manifestación organizada pola asociación Azos Feministas polo Día Internacional da Muller. Da cidadanía depende reverter os ataques aos avances sociais acadados, de nós depende que o PP de Lalín non aplique con rotundidade as súas políticas regresivas.

Imaxe da convocatoria feita por Azos Feministas para o #8M

Comparte este artigo

Share on facebook
Share on twitter
Share on google
Share on whatsapp
Share on telegram