A PAC coas traballadoras de Scientia School

– Co mesmo número de unidades educativas e unha matrícula similar ou superior á que había no momento da súa adquisición, a actual dirección rompe o compromiso do que se valeu para facerse co centro consistente en manter a todo o persoal.

– Os despedimentos presentes e a inseguridade ante a ameaza de despedimentos futuros, entre outros atropelos e inxustizas, desgastan ás traballadoras e deterioran o ambiente de traballo.

– Dende a PAC queremos enviar o noso apoio ás traballadoras e animamos á veciñanza a acompañalas nas súas reivindicacións.

 

O luns 26 de abril acudimos a unha reunión coa Sección Sindical da CIG do Comité de Empresa do que fora o “Sagrado Corazón”, agora Scientia School, na que nos puxeron ao día sobre a realidade do centro así como os pasos dados dende a CIG para a defensa dos postos de traballo.

Resulta difícil de crer que só uns meses despois de competir con outra empresa para comprar o colexio comprometéndose a manter os postos de traballo, a nova dirección saque da manga unha morea de despedimentos estando o colexio na mesma situación que no momento da compra (non se perderon novas unidades educativas e as matrículas mantéñense ou incluso aumentaron lixeiramente).

Tras tentar sen éxito un ERE, a empresa de Francisco Guerrero vai despedir a varias traballadoras. Esta situación e a ameaza de novos despedimentos, xunto con outros atropelos e inxustizas, está a afectar seriamente a un cadro de persoal que leva xa anos en loita.

Como pode ser que a actual dirección presente documentación sen rigor algún para tentar deixar na rúa a profesionais cunha dilatada e demostrada experiencia no eido do ensino? Estase a facer algo dende outros sindicatos? Para onde mira a administración competente? Ten sentido que a Consellería de Educación non se preocupe do que acontece nun centro ao que aporta fondos públicos para o seu funcionamento?

Na reunión do luns non só se falou de dereitos laborais e postos de traballo. A PAC defende o ensino público de calidade e a eficacia na administración dos fondos públicos. Volvemos a coincidir en que unha administración que defenda o interese colectivo, en casos coma o presente no que por motivos de poboación o centro é necesario, debería adquirir os centros para incorporalos á rede pública; algo que, como nos contaban, xa se está a facer dende outros gobernos do país xa están a facer.

Dende a PAC queremos enviar ánimos ás traballadoras. Sodes un exemplo de loita, de como non hai que sucumbir ao medo e de como a solidariedade e o apoio mutuo son a única saída para loitar contra esta inxustiza. Queremos animar tamén á veciñanza a acompañalas nas súas reivindicacións (mobilizacións, recollida de firmas,…). O que piden non é máis que un trato digno e xusto.

Comparte este artigo

Share on facebook
Share on twitter
Share on google
Share on whatsapp
Share on telegram