A Encomenda do Cocido, unha sociedade gastronómica masculinizada ao servizo da dereita

Segundo se indica no dossier informativo da Feira do Cocido do ano 2012, a encomenda é unha sociedade gastronómica sen ánimo de lucro que ten como obxectivos fomentar o desfrute e recoñecemento do Cocido, dalo a coñecer, apoiar o seu desenvolvemento e promover todo tipo de actividades gastronómicas, culturais, folclóricas e musicais relacionadas co cocido. Ademais, a persoa que acceda a esta “distinción” ten que facer un xuramento moi concreto: Adquiro o compromiso de degustar un bo cocido de Lalín, alomenos unha vez ao ano e, se é posible, na compaña doutros comendadores. En resumo, tal e como se indica no xuramento, a encomenda só serve para unha cousa: comer un cocido unha vez ao ano. E dende a PAC preguntámonos: que hai de verdade en todo isto?

Co gallo do regreso á programación da Feira do Cocido da celebración do Capítulo Xeral da Encomenda do Cocido, levamos a cabo unha recompilación de todas as persoas que forman parte da mesma, dende os socios fundadores ás novas comendadoras e comendadores, e descubrimos unha serie de características curiosas:

En primeiro lugar, a encomenda, a diferenza da Feira do Cocido é, sobre todo, un órgano para homes. Os seus fundadores son só varóns e, de 186 comendadores, tan só 33 son mulleres. Tendo en conta que esta festa está sustentada polo traballo das mulleres na cociña e nos preparativos, resulta curioso ver como se ten tan pouco en conta o seu labor na promoción da nosa festa emblemática.

Nestes 15 anos de encomenda tan só 33 mulleres foron nomeadas comendadoras, fronte a 153 homes.

En segundo lugar, a pesares de ser unha festa, en teoría, aséptica e neutral, un de cada catro comendadores están vinculados ao Partido Popular (neste caso tamén a maioría é masculina, 41 homes fronte a 8 mulleres). E precisamente aquí é onde reside a verdadeira finalidade deste aparte da Feira do Cocido: servir de escaparate para o partido político de José Crespo Iglesias e, por conseguinte, da dereita.

O PP é un partido habitual entre a filiación das persoas encomendadas.

Por ser unha festa carente de interese e que esquece o labor primordial e imprescindible da muller nos seus alicerces, pois son elas as que preparan a comida mentres o resto da xente goza do día, e por servir aos intereses dun partido político concreto para o seu propio eloxio, dende a PAC estamos en contra do Capítulo Xeral da Encomenda do Cocido por ser un acto que realmente divide a sociedade lalinense, así como en contra da propia sociedade gastronómica, un grupo masculinizado e ao servizo da dereita.

Comparte este artigo

Share on facebook
Share on twitter
Share on google
Share on whatsapp
Share on telegram