A concelleira Begoña Blanco terxiversa.

Hai uns días publicabamos unha pequena reflexión sobre a Encomenda do Cocido. Concluímos que esta sociedade non era máis ca unha ferramenta ao servizo da dereita, e que invisibilizaba o traballo feminino que sustenta a festa do cocido. A réplica do Goberno lalinense veu de man de Begoña Blanco, concelleira de Cultura, Igualdade e Turismo quen, entre outras cousas, tentou facer pasar a nosa valoración negativa da Encomenda por unha valoración á totalidade da festa.

Caputura de pantalla da resposta da concelleira de cultura, turismo e igualdade.

Ante a súa resposta queremos puntualizar o seguinte:

Que a concelleira reivindique a escolla dunha muller como pregoeira desta edición da Feira do Cocido para nós carece de total desmerecemento, pois lonxe de reivindicar esta elección coma un feito a destacar, desmarcouse do termo igualdade, xustificando a escolla dunha muller na necesidade de “equiparar”, como se de razóns aritméticas se tratase.

Audio da concelleira de igualdade xustificando a escolla dunha pregoeira.

Como contraste a esta actitude queremos salientar que, ademais do traballo que se fixo na anterior etapa dende a Concellería de Igualdade e dende o Goberno en xeral, na que poderiamos destacar como fito a Festa do Orgullo (en especial as actividades de divulgación incluídas no programa), dende a anterior Concellería de Cultura valores como a Igualdade ou o Feminismo foron sempre elementos moi a ter en conta á hora de programar.

Por outra banda, na súa resposta, o Partido Popular elude entrar na nosa apreciación sobre o uso partidista que José Crespo ou o Partido Popular fan da Encomenda. Non dubidamos en que se deba á falta de argumentos cos que saír airosas dun debate en profundidade. En lugar disto, como avanzamos ao comezo, a táctica á que recorre Begoña Blanco é a de tratar de converter unha crítica ben fundamentada contra a Encomenda, nun ataque á Feira do Cocido para tentar posicionarnos en contra do pobo e do interese xeral.

Por último, queremos puntualizar tamén que se por algo se caracterizou esta agrupación non foi por estar calada. Foi a única que se atreveu realmente a plantar cara ao PP, de aí vén a animadversión constante profesada contra a nosa concelleira.

En resumo, da nosa pequena investigación non se desmontaron as conclusións. A resposta pretende mesturar e desviar os temas, evitando así falar sobre a evidencia de que a Encomenda é un acto partidista e masculinizado. Begoña Blanco, como militante dun partido que se atopa incómodo con todo aquilo referente á igualdade entendida cunha mínima amplitude de miras, ten un papel difícil coa concellería que lle tocou defender. Querémola convidar a que traballe para superar calquera avance conseguido na etapa anterior. Desta maneira, ela aforraría ter que terxiversar as nosas declaracións para deixarnos en mal lugar, seguiriamos a mellorar como pobo, e a nós non nos quedaría outra cousa máis ca aplaudir.

Comparte este artigo

Share on facebook
Share on twitter
Share on google
Share on whatsapp
Share on telegram