A “boa dirección” do Partido Popular é a involución

Dende Plataforma Aberta Cidadá queremos manifestar o noso rotundo rexeitamento ás continuas declaracións que o candidato do Partido Popular, Pablo Casado, vén expoñendo nas últimas semanas en relación á súa nova proposta. O “iluminado” candidato descubriu que o noso país sofre un problema demográfico debido á baixa natalidade que se leva producindo nos últimos anos. Este “inverno demográfico”, tal e como o denomina Casado, debe rematar. E non se lle ocorre mellor forma que facelo defendendo ferreamente a “cultura pola vida”. Só ese camiño é o axeitado e, en palabras do candidato, “o máis progresista”. Para que mellorar as condicións económicas ou laborais da cidadanía e así conseguir que a situación se recupere progresivamente?


Ante esta baixa natalidade, Casado propón una nova Lei de Apoio á Maternidade que recolle dúas medidas inadmisibles. Por un lado, recuperar a Lei de Aborto do ano 1985, o que suporía un atraso de dimensións enormes no que se refire ao avance nos dereitos das mulleres. Por outro lado, retrasar a expulsión das mulleres inmigrantes sen papeis que decidan libremente dar o seu fillo en adopción.


Estas novas súmanse a outras declaracións, igualmente rexeitables, e que son unha boa proba do machismo que se respira na dereita española: o feito de non secundar nin acudir á folga do 8 de marzo, as afirmacións de Casado sobre “o bo que sería que as mulleres embarazadas souberan o que levan dentro, unha vida autónoma” ou o uso de eufemismos como “esa persoa que non se está portando ben” para referirse ao maltratador. Como podedes comprobar, as barbaridades seguen unha detrás da outra.

Concentración do 8m en Lalín.

Que opinará José Crespo e o seu equipo de todo isto? Pois parecen ir da man xa que, mentres o pobo lalinense se concentraba o pasado venres 8 na Praxa da Igrexa, Crespo preferiu acudir ao encontro con Mariano Rajoy. Vese que había cousas máis urxentes ás que atender. Pola contra, a PAC alí estivo, defendendo o feminismo, algo que consideramos prioritario. Consideramos que este movemento debe ser apoiado, pois o feminismo reivindícase, pero tamén se practica.

Comparte este artigo

Share on facebook
Share on twitter
Share on google
Share on whatsapp
Share on telegram