Por segundo ano consecutivo, a convocatoria do 8-M ateiga rúas e prazas da nosa vila, o Obradoiro, as rúas de Vigo, de A Coruña, Madrid.

Un fervedoiro transversal de persoas feministas sae á rúa e secunda a folga. Escoitamos as voces das nosas avoas :
O que non tiven para min, que sexa para vós
Saímos polas que xa non poden facelo, polas vulnerables, polas precarizadas e por todas nós, que tanto camiño temos aínda por percorrer. Nun momento no que ameazan ventos adversos -os dos discursos e actos do retroceso, as miserias do odio- a mensaxe queda clara: “Nin un paso atrás”.

Sóbrannos as razóns. A pouco que nos paremos a pensar, agroman sen moito esforzo: o coidado, que sostén o sistema, invisible e falto de remuneración, segue a recaer sobre nós; a igual traballo, aínda non igual soldo; diante de méritos iguais, aínda non igualdade de oportunidades…

Porque os nosos corpos seguen a ser botín de guerra nos conflitos bélicos e mercadoría para a economía de libre mercado. Porque non somos aínda socializadas no proceso educativo igual cós nenos e as expectativas de xénero continúan a ser desiguais. Porque os nosos síntomas son apenas tidos en conta en moitos dos estudos médicos. Porque se nos hipersexualiza, pero logo se nos piden contas no exercicio da nosa liberdade sexual e na xestión das identidades.

Sóbrannos os motivos e cómpre transformar as indignación en posibilidade política entre todas e todos.