O PP non quere democracia no rural

Unha das aportacións recoñecibles da Plataforma Aberta Cidadá no anterior goberno foi a incorporación da escolla de Alcadesa ou Alcalde de Barrio nas parroquias de Lalín a través do REGULAMENTO DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ DAS PARROQUIAS
DO CONCELLO DE LALÍN
.

Este foi un fito importante na historia do noso Concello porque introducía a participación cidadá no rural e atacaba directamente un dos bastións do PP lalinense: a escolla a dedo dos pedáneos e pedáneas para formar parte da estrutura caciquil e de control que operou en Lalín tantos anos, antes de 2015, e que semella querer volver. Porén, o novo goberno do Partido Popular, fiel aos seus principios, pretende modificar este regulamento para adaptalo á súa natureza caciquil e clientelar.

A figura da alcaldesa ou do alcalde de barrio é primordial no funcionamento dun concello coma Lalín que pola súa extensión necesita da colaboración e participación da xente. Entre as súa funcións estaba: o fomento da participación directa e descentralizada da veciñanza, a entrega dun informe anual das necesidades da parroquia á corporación municipal, a achega de propostas ao goberno para levar a cabo en dito lugar e, en definitiva, a garantía da defensa dos intereses da maioría de veciños e veciñas, e non só dunha parte.

O regulamento que operou dende o 2015 ao 2019 foi concibido para que participara canta máis xente posible, para garantir a representatividade e fomentar a creación ou reactivación do asociacionismo no rural.

Na seguinte imaxe vemos unha comparativa entre ambos regulamentos (no ANEXO pódese ler unha comparativa máis ampla):

Comparativa entre os dous regulamentos de escolla de Alcaldesas e Alcaldes de Barrio.

Consideramos que é un regreso claro á fórmula caciquil de ter ollos e mans en cada
parroquia para poder campar segundo lle veña en gana ao partido que agora goberna o
noso concello.

Dun regulamento para garantir a democracia pasamos a un novo regulamento que pretende garantir o caciquismo.

ANEXO

O regulamento que funcionou entre 2015 e 2019 contaba con 5 puntos que elevaban a a participación cidadá e a democracia considerablemente:

  1. Para escoller á Alcaldesa ou Alcalde de Barrio a participación debe de ser igual ou superior ao 5% e no caso de só haber unha candidatura necesitará un número de sinaturas do 10% do censo desa parroquia.
  2. No caso de haber unha asociación de veciñas/-os na parroquia a Alcaldía poderá asignarlle a esta as funcións de Alcaldesa ou Alcalde de Barrio se representa á metade máis un de persoas/casas.
  3. O seu mandato coincidirá coa da corporación e non poderá permancecer no cargo máis de 8 anos consecutivos.
  4. Os Consellos Parroquias (que son escollidos por toda a veciñanza maior de 18 anos no inicio do mandato na Asemblea Parroquial) reuniranse cada 6 meses, ou cando o estimen necesario.
  5. A Asemblea Parroquial reunirase unha vez ao ano e extraordinariamente
    cando o propoña o Alcalde, o Alcalde/sa de Barrio, ou a iniciativa dos veciños/as que sumen un 10% de sinaturas acreditadas.

O regulamento que plantexa o PP introduce estas modificacións:

  1. No caso de só haber unha candidatura necesitará un número de sinaturas do 5% do censo desa parroquia “para facilitar a elección do representante veciñal”.
  2. Elimina a posibilidade de que a asociación de veciñas/-os poida facerse cargo da representación de Alcaldesa ou Alcalde de Barrio.
  3. Calquera que leve máis de 6 meses empadroado/-a na parroquia poderá presentarse.
  4. O mandato non será coincidente co da corporación e quedará a criterio do executivo local.
  5. Introduce un revocatorio que necesita o 51% do censo parroquial en sinaturas.

Comparte este artigo

Share on facebook
Share on twitter
Share on google
Share on whatsapp
Share on telegram